A corporación local de San Sadurniño reuniuse na tardiña deste xoves 16 de febreiro para debater as contas municipais deste ano así como a distribución dos investimentos do Plan Único de Concellos POS+. Foi unha sesión que se solventou en 37 minutos e co debate centrado maiormente no apartado dos orzamentos. O BNG defendeu o documento como “o mellor orzamento dos posibles” mentres que o PP o rexeitou por non consideralo “nin saudable nin sustentable”. Ambos grupos si estiveron de acordo na cuestión das obras do POS+ mentres que o PSdeG-PSOE optou por absterse tanto neste como nos outros puntos do pleno.
A unanimidade na sesión deuse unicamente na votación da acta do pleno de xaneiro. De feito, no segundo punto expúxose a proposta de acordo sobre delegar na Deputación da Coruña a recadación executiva de tributos, prezos públicos e calquera outro ingreso de carácter non periódico ou de periodicidade inferior ao ano que non fose delegada previamente. A cuestión contou cos votos favorables do grupo de goberno e a abstención dos dous da oposición.
Tras esta cuestión o pleno adentrouse no debate da distribución dos 625.000 euros do POS+ provincial. “Un plan dinámico porque vai ir incrementando recursos ao longo do ano e que lle dá aos concellos maior autonomía á hora de xestionar os recursos”, explicou o portavoz do BNG, Suso Soto. O responsable de Facenda adiantou que unha parte dos fondos -274.000 euros- se destinarán a gasto corrente mentres que outros 220.000 irán parar a tres macroproxectos viais. Concretamente á pavimentación dos camiños da Fraga-Penalonga-AC861, o Cancelo-Vilaverde-Brame e outros; á reparación das pistas A Veiga, As Calvelas, A Rega e outras e aos asfaltadosdos camiños do Xestal-Filgueiras, Lourido, Riolimpo-Vilarbó e outros.
Porén, ademais destes, o POS+ tamén sinala que os Concellos beneficiarios deberán aprobar proxectos por un importe máximo do 20% da contía asignada -625.000 euros-, que se executarían na medida en que se xeren baixas nos procesos de contratación das obras mencionadas anteriormente. Por iso o Concello tamén preparou os proxectos de mellora da accesibilidade de ambas marxes da Avenida Marqués de Figueroa -66.654,33€-, a construción dunha senda peonil en Igrexafeita -cifrada en 44.487,25€- e a pavimentación de varios camiños en Silvalonga e entre A Fraga e Os Pontigos, en Ferreira, cun importe de licitación de 47.941,77€. A execución destas obras dependerá, polo tanto, da contía que alcance o montante total das baixas, estudando cal ou cales se levarán adiante segundo as prioridades e a adecuación orzamentaria.
O Partido Popular mostrouse de acordo coa proposta do equipo de goberno, aínda que sinalou que “moitas máis inversións habería que facer neste sentido”. O PSdeG-PSOE anunciou a súa abstención neste punto argumentando falla de tempo para estudar a documentación.
Orzamentos 2017
Cerca dos 10 minutos despois de comezar o pleno abriu a exposición da filosofía das contas municipais. O protavoz do bloque, Suso Soto, cualificou as contas como “moi prudentes e cautelosas”, cifradas e 2.735.000 euros no apartado de gastos e de 2.695.000 no de ingresos. O edil destacou “a conxelación de taxas e impostos” así como o dato de que San Sadurniño “investirá 910€ por habitante”, engadindo ademais que o 75% do gasto corrente municipal irá destinado, entre outros apartados, a servizos sociais e a colaborar con entidades do municipio. Soto aclarou que as contas “non contemplan outros gastos e ingresos que dependen doutras administracións” pero que, porén, se incorporarán no futuro coas correspondentes modificacións de crédito.
Por parte do PSOE Eduardo Lourido anunciou a súa abstención na votación aducindo non comprender “unha serie de datos” reflectidos no informe elaborado pola secretaría-intervención municipal sobre o orzamento “aínda que a conclusión [do informe]sexa positiva”. Lourido recoñeceu por outra banda que se cumpre o periodo de pagamento a provedores, “algo que é moi positivo”.
O PP opúxose ás contas acusando ao BNG de mentir sobre a saúde e sustentabilidade do Concello. Manuel Romero asegurou que o 43% vai para gasto de persoal “máis de 400 euros de cada veciño ao ano […] o peor ratio de Galicia” e que este apartado e máis o de gasto corrente suman o 73% do total do orzamento.
O edil popular acusou ao goberno de “baixar o investimento real” e de mentir sobre a conxelación de impostos. Romero pediu “organizar mellor o persoal en vez de tantos asesores” e afondou no apartado da atención no fogar asegurando que o Concello non está aproveitando todas as horas concedidas pola Xunta para o mantemento do SAF.
Esta última cuestión provocou a resposta inmediata do portavoz do grupo de goberno quen acusou, á súa vez, a Castrillón de “frivolizar” cos datos sobre o Servizo de Axuda no Fogar e retrucándolle que San Sadurniño “é o Concello da comarca que máis euros por habitante dedica na comarca a dependencia e axuda no fogar”.
Sobre a cuestión das horas de atención domiciliaria, Soto acusou ao portavoz do PP de “falsear os datos” aclarándolle que a ampliación das horas promovida pola Xunta é “unha chantaxe” do goberno autonómico que, “en vez de financiar máis eses servizos”, estaría obrigando aos concellos a cofinancialos cunha parte maior “que non poden asumir”, algo que ocorre non só en San Sadurniño, senón “en todos os concellos”.
Suso Soto remarcou que o 22% do orzamento municipal, “600.000 euros”, van ao capítulo de servizos sociais e comparou a ratio coas doutros concellos. coas partidas noutros concellos: “as Somozas o 4,4%, Ares o 12%, Cabanas o 14%, Narón o 11%…”.
No referido ao persoal, Soto lembrou que o apartado ten maior peso específico xa que o Concello “presta directamente os servizos que pode prestar”, como é o caso do servizo de axuda no fogar. “A suma do capítulo 1 e 2 dos gastos -persoal e gasto corrente- é a terceira máis baixa da comarca de Ferrol”, apuntou o concelleiro, quen tamén destacou que no capítulo de investimentos reais “San Sadurniño inviste 24 de cada 100 euros”, mentres que a media da provincia estaría en 9 de cada 100. Tamén se refire a que San Sadurniño é o terceiro con maior capitulo 9 de cada 100 euros, 24 euros de cada 100.
Con respecto aos contratos externos, Soto respostoulle a Romero Castrillón que as asesorías das que bota man o Concello “son as que necesita e son imprescindibles”. Algo ao que tamén se referiu o alcalde puntualizando que “non hai cargos de asesoría” como puideran ser cargos de confianza, senón “contratos de asesoría”, como por exemplo o do suscrito por mor da baixa laboral da arquitecta municipal.
A batería de respostas do goberno local ás teses populares finalizou referíndose ás taxas e impostos. O PP acusou ao bloque de subir en 2015 aspectos como a taxa pola expedición de documentos ou o ivtm. A este respecto Soto pediulle ao PP “que non veña falar do que se fixo en 2015, porque se non eu tamén poido recordar aquí cando o partido popular subeu a contribución á xente desde a oposición coa abstención do bloque”. “No ano 2017 o orzamento non prevé ningún incremento da taxas e impostos”, sentenzou Soto, para quen o documento presentado “é o mellor dos posibles”. As contas saíron adiante cos únicos votos do seu grupo. O PP rexeitounas e o PSOE abstívose.