Friday 22 de November de 2024

Melloras nos accesos á igrexa e local social de Pereira


Conclúen o asfaltado da vía de 2 quilómetros que enlaza a área coa N-550. O investimento supera os 83.000 €, rexistrándose un aforro do 25% con respecto á licitación inicial

O Concello de Ordes procedeu nestes días coa pavimentación do tramo situado na parroquia de Pereira e que enlaza a N-550 co local social e a igrexa. O investimento levado a cabo ascende a 83.290 €, un 25% menos do estipulado inicialmente na licitación (111.421 €). A obra está incluída no Plan de Acción Social (PAS) 2015, financiado pola Deputación da Coruña.

O tramo intervido é de case dous quilómetros e nel aplicouse unha capa de aglomerado asfáltico en quente, ademais da reparación de fochas previa con grava, a apertura de gabias, a colocación de encanamentos coas correspondentes embocaduras e o posterior pintado que se levará a cabo os vindeiros días.