Friday 22 de November de 2024

A Xunta e o concello de Oza-Cesuras impulsan a tramitación dun plan xeral de futuro para ordenar a nova realidade territorial conxunta deste municipio


Na actualidade o Concello réxese por dous planeamentos vixentes previos á fusión que tivo lugar en xuño do ano pasado

A secretaria xeral de Ordenación de Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas Díaz, mantivo unha reunión co alcalde de Oza-Cesuras, Pablo González Cacheiro, para analizar os pasos que debe seguir a Administración local co fin de dispoñer a curto prazo dun instrumento de planeamento de futuro que ordene dun xeito integral a totalidade do termo municipal.

No encontro tívose en conta a especial situación urbanística deste concello da comarca de Betanzos, dende que en xuño de 2013 formalizárase a fusión dos dous termos municipais nos que seguen vixentes os seus respectivos planeamentos anteriores.

No caso de Oza dos Rios réxese por un Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) aprobado definitivamente no ano 2001, que non está adaptado á Lei de Ordenación Urbanística Galega que entrou en vigor en xaneiro 2003; e no de Cesuras,réxese por un planeamento de maior antigüidade como son, as Normas Subsidiarias Municipais vixentes de o ano 1997.

Rivas Díaz sinalou a importancia de contar cun plan de ordenación adaptado á lei, xa que é a folla de ruta para o desenvolvemento ordenado e crecemento sustentable deste municipio na súa nova realidade territorial conxunta.

Neste sentido, destacou que se trata dun primeiro encontro que manterán conxuntamente as dúas administracións, xa que en próximas reunións se abordará e concretará a achega técnica e económica da Xunta, que permitirá que o concello de Oza-Cesuras conte cun Planeamento adaptado á nova Lei do Solo.