Saturday 16 de November de 2024

Riveira e O Son asinan solicitan unha nova achega conxunta para continuar a pavimentación de Gándara a Campo de Patas


Os alcaldes dos concellos de Riveira e Porto do Son, Manuel Ruiz e Luis Oujo, veñen de asinar un convenio de colaboración co fin de solicitar conxuntamente unha axuda da Xunta de Galicia co fin de financiar a execución dun novo proxecto de pavimentación entre os lugares de Gándara e Campo de Patas (situado o primeiro na parroquia riveirense de Oleiros e o segundo no sonense de San Pedro de Muro) que dá continuidade á actuación desenvolvida o ano pasado.

A devandita achega foi convocada por Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións e Xustiza ao abeiro da orde de 30 de decembro de 2016 para a creación ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculadas á prestación de servizos municipais.

Conforme ao proxecto elaborado polos servizos técnicos municipais riveirenses, o tramo de vial obxecto da obra rexistra un firme de calzada con aglomerado asfáltico deteriorado e con cunetas de terra. O obxectivo fundamental que se persegue é ampliar a plataforma de rodadura nun metro e tamén se mellorará a calzada cunha capa de aglomerado asfáltico en quente. Así mesmo, construirase unha rede de drenaxe, con tubaxe PVC e arquetas, e se procederá a pintar o vial na súa totalidade e colocar sinais verticais indicativas dunha ponte.

O orzamento é de 75.624,06 euros e o prazo de execución de dous meses.