Mantense o modelo do ano pasado, polo que non haberá Concurso de Disfraces e os premios serán sorteados entre todos os participantes, premiando así a participación fronte ao gasto que se faga no disfrace
O Concello de Lousame celebrará o próximo sábado 25 de febreiro o seu Festival de Entroido, que terá lugar entre as 17:00 e as 20:00 horas no pavillón municipal “Pilar Barreiro Senra” (A Silva). Un festival que mantén o modelo probado con éxito o pasado ano: non haberá Concurso de Disfraces, que pasará a converterse nun Desfile de Disfraces.
O Desfile de Disfraces estará aberto a nenos e nenas de ata 16 anos, distribuídos en catro categorías: de 1 a 5 anos, de 6 a 10 anos, de 11 a 13 anos e de 14 a 16 anos. As inscricións poden realizarse o mesmo día do festival, en horario de 16:30 a 17:30 horas, no polideportivo municipal. Todos os nenos/as que veñan disfrazados recibirán un agasallo.
A concelleira de Xuventude, María Regenjo, explica que “queremos premiar a participación, non os cartos que a familia pode investir nun disfrace. Por iso os premios serán sorteados entre todos os nenos e nenas que participen no Desfile de Disfraces, polo que todos terán as mesmas oportunidades de levar un premio”. Entre os premios que se sortearán entre os nenos e nenas figuran material escolar, lotes de libros, material deportivo, xoguetes, tablets, smartwatches, pulseiras multisports, un dron, reprodutores MP4, cámaras DX Deportivas, auriculares…
Ademais do Desfile de Disfraces, o Festival de Entroido incluirá unha zona para inchables, obradoiros e xogos, que contarán coa música en vivo do grupo O Son do Pote. Todos os que se acheguen poderán desfrutar dunha degustación gratuíta de orellas e filloas.