Friday 22 de November de 2024

O Concello de Brión investirá 365.000 euros a melloras en estradas de todo o municipio, que serán acometidas pola súa brigada de obras


O Pleno municipal aprobou por unanimidade a proposta do Plan Único da Deputación, que destina 320.000 euros a gasto corrente e 212.000 euros a amortizar a débeda bancaria do Concello

O Pleno municipal de Brión aprobou por unanimidade a proposta da Alcaldía do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (Plan Único de Concellos), que contempla investimentos no municipio por un importe de 738.234 euros. Unha cantidade á que hai que sumar o Plan Complementario de 2017, que ascende a 160.316,94 euros, polo que os investimentos en obras ascenderán a 365.201,69 euros.

O Concello de Brión investirá 204.884,75 euros a investimentos financeiramente sostibles, que se traducen en cinco proxectos de mantemento e melloras de diversas pistas municipais en Brión. Unhas obras que serán acometidas pola brigada municipal de obras do Concello de Brión, o que permitirá facer máis actuacións en beneficio dos veciños e veciñas. Así, o acordo aprobado hoxe contempla melloras en pistas municipais de Bemil (31.632 euros), Cornanda (49.731 euros), Nináns (61.251 euros), Viceso-Esparís (31.906 euros) e Coruxido, Piñeiro, Gundín e Guitiande (30.363 euros).

A maiores, o pleno aprobou destinar 160.316 ao Plan Complementario de 2017, que inclúe mantemento e mellora de pistas municipais en Santa Minia-O Enxo (115.974 euros) e A Torre (44.342 euros).

Gasto corrente e débeda bancaria cero

O Concello de Brión investirá 320.997,47 euros a financiación de gastos correntes tales como limpeza viaria, alumeado público, recollida do lixo, parque público ou mantemento da biblioteca municipal. Así mesmo, destinará 212.352,17 euros á amortización da débeda con tres entidades financeiras (BBVA, Banco Sabadell e Abanca). Isto permitirá que o Concello de Brión deixe a súa débeda bancaria practicamente a cero.

O secretario municipal deu conta da situación económica do Concello de Brión no cuarto trimestre de 2016. Un informe no que confirmou que Brión cumpre cos principios de estabilidade orzamentaria e coa regra de gasto, paga a provedores nun período de -14,10 días (é dicir, 14 días antes do legalmente establecido) e ten unha débeda viva de 662.232 euros a 31 de decembro de 2016.

Mocións

Na quenda de mocións, aprobáronse as dúas presentadas polo grupo municipal do BNG e polo concelleiro non adscrito, logo de seren ambas emendadas polo grupo de Goberno. Así, o pleno acordou que o Concello de Brión estude a posibilidade de presentar unha reclamación conxunta en nome dos veciños e veciñas afectados polos temporais de hai dúas semanas, que deixaron a algunhas aldeas do municipio sen subministro eléctrico durante 3 ou 4 días. O concelleiro José Luís Penas denunciou “os danos causados polas compañías eléctricas” e solicitou “unha auditoría urxente e a presentación dun plan para resolver as deficiencias”.

O alcalde de Brión, José Luís García, aceptou a moción do grupo nacionalista, se ben explicou que o Concello de Brión xa estaba facendo o labor de asesoramento aos veciños afectados dende o departamento de Servizos Sociais. Ademais, indicou que todas as queixas e peticións incluídas polo BNG na súa moción sería acometidas a través da FAEPAC, algo do que será informada a veciñanza a través de Bandos e da revista municipal.

Pola súa banda, o concelleiro non adscrito, Xesús Pena, presentou unha moción da Plataforma Galega pola Defensa do Dereito á Saúde na que solicitaba a derogación do Real Decreto 16/2012. O alcalde brionés aceptou a moción xa que “a sanidade era universal ata a aparición deste Real Decreto” pero instou ao concelleiro a retirar o primeiro punto da moción, que instaba á Xunta a apoiar a retirada do Decreto, por unha cuestión de coherencia, xa que así fora aprobada esta mesma moción no Pleno da Deputación da Coruña celebrado o pasado 21 de decembro.

A moción foi aprobada cos votos a favor de PSOE, BNG e concelleiro non adscrito. O PP xustificou o seu voto en contra en que “o Pleno está para facer política local”, explicou o seu voceiro municipal, David García Arcos, quen instou á Plataforma a “presentar esta proposta onde se debe presentar”.