Verónica Gómez repróchalle ao alcalde que agardase 11 días para achegar o informe técnico sobre a inviabilidade do proxecto “simplemente para tratar de atrasar a decisión” e lamenta os gastos que ocasionará este atraso, “cando os socialistas sempre propuxemos que os plenos extraordinarios non se cobraran”
Os socialistas de Ordes proporán melloras en camiños de varias parroquias do municipio para incluír no POS 2017 en substitución do proxecto de urbanización da rúa García Gerpe, despois da presentación hoxe dun informe técnico por parte do alcalde ordense que confirma que a obra debe ser acometida polos propietarios e propietarias da zona. “É o primeiro informe técnico que temos no que se di iso e, como o importante é facer as cousas ben, se non se pode incluír esta obra, proporemos outras”, explica a voceira municipal socialista, Verónica Gómez.
Porén, Gómez repróchalle ao alcalde de Ordes que agardase 11 días para achegar este informe técnico. “Dende que se celebrou a Comisión, o día 3 de febreiro, ata hoxe 14 de febreiro penso que houbo tempo suficiente como para que se presentase este informe técnico e se puidera emendar o proxecto para aprobalo no pleno. Máis ben parece que o alcalde non tiña a vontade de aprobalo e fixo isto simplemente para tratar de atrasar a decisión”, apunta Verónica Gómez, quen lamenta que “con esta actitude, o alcalde só está causando máis gastos para os veciños e veciñas do Concello e poñendo problemas á aprobación dun plan de obras moi necesario para a veciñanza de Ordes”.
Neste sentido, a voceira socialista lembra que se o alcalde actuase con dilixencia, podería ter convocada unha Comisión previa para que hoxe se puidera adoptar un acordo na sesión plenaria e non causar máis gastos á veciñanza. “Tamén puido ter apoiado a nosa proposta na sesión de organización, pois compre lembrar que os socialistas sempre propuxemos que os plenos extraordinarios non se cobraran”, puntualiza a concelleira. Agora, o acordo queda posposto ata o pleno do 22 de febreiro, “co que o alcalde se contradí a sí mesmo porque dixera que o pleno había que celebralo hoxe para poder preparar os proxectos para o día 24”.
Finalmente, a voceira municipal socialista lémbralle ao señor alcalde que “un plan aprobado por 9 concelleiros de 17, como se referiu despectivamente á proposta conxunta de POS 2017, é un plan apoiado pola maioría absoluta da corporación e moito máis co plan proposto polo grupo de Goberno, que só foi apoiado por 5 de 17 concelleiros”.
A voceira socialista lembrou que o apoio do seu grupo municipal á proposta presentada por UXO baséase en que inclúe máis obras das propostas pola Agrupación Socialista de Ordes, como o acondicionamento dun vial dende a Armada ata a AC-524 para evitar a actual saída perigosa en Vilamaior á estrada AC-524; ou o bombeo de saneamento e abastecemento na Maquía, que os socialistas levan anos solicitando sen que o PP o tivese en consideración.