Ovidio Rodeiro recibiu ao presidente da Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro, José Antonio Vázquez
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, recibiu ao presidente da Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro (Cegasal), José Antonio Vázquez Freire. Na reunión tamén estivo presente o xefe territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Isidoro Martínez.
O encontro enmarcase dentro da xira de contactos institucionais e empresariais que está a facer esta asociación para dar a coñecer o seu labor. Cegasal ten como obxectivo facilitar a inserción laboral das persoas con discapacidade. Na actualidade conta con 17 centros especiais de emprego que abarcan 14 sectores produtivos, tales como artes gráficas, alimentación, recollida de residuos, xardinería ou atención sociosanitaria, entre outros.
Ovidio Rodeiro mostrou o seu apoio ao traballo que leva a cabo a organización que preside Vázquez Freire e comprometeuse a visitar un dos centros. O delegado territorial emprazouno a avanzar no estudo de posibles vías de colaboración coas empresas. Cegasal é unha asociación empresarial galega de carácter multisectorial de iniciativa social que integra iniciativas empresariais que comparten os principios orientadores da economía social. A entidade integra na actualidade un total 17 iniciativas empresariais que dan traballo a máis de 1.250 traballadores, na súa maioría con algunha discapacidade.
Os centros especiais de emprego de Cegasal, que en 2015 facturaron no seu conxunto 25 millóns de euros, apostan por facilitar a inserción laboral e xerar oportunidades de emprego, formación e desenvolvemento de servizos para as persoas con discapacidade. A taxa de actividade laboral deste colectivo é sensiblemente menor comparada co resto da sociedade. Dos 17 centros especiais de emprego que conforman a asociación, doce están situados na provincia da Coruña, destacando polo seu volume de negocio e o número de traballadores Fornos Lamastelle, Trameve, Coregal ou Dixardín.