Friday 22 de November de 2024

A Xunta obriga desde hoxe a declarar as parcelas sementadas con pataca nas zonas en corentena pola couza guatemalteca


O Diario Oficial de Galicia deste martes 14 de febreiro publica a resolución da Dirección xeral de gandaría, agricultura e industrias agroalimentarias pola que se amplían as medidas urxentes para erradicar e controlar a couza guatemalteca das patacas. Unha praga que, desde comezos de mes, mantén en corentena o concello de San Sadurniño e tamén outros 30 municipios do norte da Coruña e Lugo. As novas medidas obrigan a informar á Xunta sobre a localización das parcelas nas que xa haxa plantadas patacas e a superficie cultivada, independentemente de que se trate de produción para vender ou para autoconsumo. De feito, esta esixencia aféctalle a todo o mundo cunha plantación, sexa ou non profesional. Mentres non se publique o decreto estatal sobre o control da praga, a Xunta continúa recomendando non seguir botando pataca nas zonas demarcadas.

A resolución da dirección xeral dependente da Consellería do Medio Rural ocupa tan só unha páxina na que se plasman cinco puntos vinculantes para toda a cadea de produción da pataca, desde quen a comercializa ata quen a sementa.

A primeira esixencia vai para as empresas que operen con tubérculos, que deberán notificar “de forma inmediata” a sospeita ou a detección de Tecia solanivora povolny nas súas instalacións.

A segunda medida publicada no DOG busca “dispoñer da maior información sobre a superficie plantada e, en particular, a dedicada á produción de pataca para o autoconsumo e a súa distribución”. Por iso as persoas que comercien ou os puntos de venda de semente teñen a obriga a partir de agora de identificar a quen merque pataca de semente anotando os seguintes datos: nome e enderezo, cantidade adquirida e data de adquisición. Información toda ela que deberá estar á disposición dos servizos oficiais de sanidade vexetal.

A terceira medida é a que quizais máis rebumbio social pode causar, xa que nela se informa de que calquera produtor ou produtora tanto profesional como para autoconsumo dos municipios declarados como zona demarcada -entre eles San Sadurniño-, ten a obriga de comunicar a superficie plantada na presente campaña.

Para facer a declaración hai unha folla normalizada onde, ademais dos datos identificativos da persoa declarante, tamén se terán que indicar as coordenadas da parcela e a información que facilita o Sixpaq, como son o código de provincia (15), o concello, o nº de polígono, o nº de parcela, o nº de recinto e a superficie total da leira. A esta información haberá que engadirlle o dato da superficie total sementada e tamén da variedade que se puxese no terreo.

E isto hai que facelo coas parcelas que xa están plantadas con pataca de cedo e coas que teñamos previsto sementar nas próximas semanas. E é que, malia estarmos en corentena por causa das couzas guatemaltecas, de momento non hai normativa que nos impida botar as patacas. Iso si, a Xunta insiste na súa recomendación de non plantar nas zonas demarcadas “mentres non se aproba a normativa estatal”. Esa normativa en fase de borrador recollerá o programa de control e erradicación do patóxeno e, case con toda seguridade, obrigará “á arrinca e destrución da colleita” nas zonas afectadas en que a praga estea presente. Dito doutro xeito máis sinxelo: mellor non plantar nada agora porque igual dentro dunhas semanas temos que arrincar todo, perdendo semente e cartos.

A resolución da Xunta tamén incide no reforzo da vixilancia dos mercados locais por parte dos concellos “constatando a orixe da pataca comercializada e adoptando as medidas para impedir, se é o caso, a circulación”. Unha medida que San Sadurniño cumprirá xa no próximo mercado, que terá lugar nos xardíns municipais o domingo 26 de febreiro.

No tocante ás declaracións das parcelas sementadas, desde o Concello tamén se lle facilitará axuda a todas aquelas persoas que non dispoñan de medios ou coñecementos para cubrir a folla, que despois se poderá remitir a Medio Rural desde o rexistro municipal.