Friday 22 de November de 2024

A Deputación convoca dous cursos para obter o certificado de profesionalidade en socorrismo


A Deputación da Coruña convocou dentro do PEL -Plan de Emprego Local- dous cursos de socorrismo acuático destinados a persoas desempregadas a través dos que poderán obter o certificado de profesionalidade e, ademais, realizar prácticas durante o verán. O prazo para solicitar esta formación finaliza este venres 17 de febreiro e por cada municipio só se admitirán 5 solicitudes. En San Sadurniño ese cupo cubrirase atendendo á orde de chegada das peticións. Con todo, as persoas aspirantes aínda deberán superar unha avaliación da súa aptitude física para poderen acceder a calquera dos dous cursos. As probas realizaranse o sábado 18 de febreiro desde as 8.15h. na piscina municipal de Caranza, en Ferrol. O técnico de Desenvolvemento local ten máis información sobre este proceso no 981 490 027 ou no correo ignacio.fernandez@sansadurnino.gal.

Os cursos que se ofrecen son os seguintes: Socorrismo en espazos acuáticos naturais, con 428 horas de formación -348 teórica e 80 de práctica-, e Socorrismo en instalacións acuáticas, cunha duración total de 378 horas repartidas entre 298 de teórica e 80 de práctica.

A formación terá lugar nas instalacións da Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia (FESSGA) na Coruña -rúa Gambrinus nº 151, nave 3- de luns a venres e a razón de 6 horas diarias. A elección das quendas (mañá ou tarde) dependerá da zona de procedencia do alumnado que, ademais, terá prácticas profesionais non laborais en praias de concellos da provincia.

A partir de marzo desenvolverase a formación referida a espazos acuáticos naturais e previsiblemente en outubro ofrecerase a formación específica para socorrismo en instalacións acuáticas.

Debido ás especiais características do curso e á necesidade de realizar probas físicas de acceso só se admitirá un máximo de 5 inscricións por cada concello, dos que se seleccionarán finalmente un total de 15 persoas. As persoas do Concello de San Sadurniño interesadas en realizar algún destes cursos deben cubrir o impreso de solicitude e presentalo canda o resto de documentación no rexistro do Concello, antes do venres 17 de febreiro ás 12.00 horas.

Debido a que hai 5 prazas por concello, a selección farase por orde de presentación da documentación no rexistro municipal.

A documentación que deberán achegar será a seguinte:

Formulario de inscrición cumprimentado e asinado (anexamos o modelo)
Certificado médico ou informe de saúde emitido por persoa facultada, que informe da capacidade físico-psíquica para o desempeño dun posto de traballo na actividade de salvamento e socorrismo acuático
As persoas inscritas inicialmente terán que pasar unhas probas físicas que para o caso de San Sadurniño terán lugar o 18 de febreiro a partir das 08:15 horas na piscina municipal de Caranza, en Ferrol. Só as persoas que superen estas probas e sexan finalmente seleccionadas deberán achegar o resto de documentación que se recolle na solicitude.