Friday 22 de November de 2024

San Sadurniño mantén aberto ata este venres o prazo para inscribirse nos obradoiros de memoria activa que se desenvolverán polas parroquias


O cerebro é un órgano vivo que se pode e se debe exercitar para mantelo en forma, e máis aínda cando chegamos a unha idade onde temos algún que outro esquecemento ou despiste. A actividade física, os xogos cognitivos -encrucillados, sudokus, crebacabezas, etc.- e incluso parolar son maneiras de termos a cabeza entretida e esperta. E para poñernos ansia de facela traballar o Concello organiza de novo os obradoiros de memoria activa, que se desenvolverán nos locais sociais das parroquias a partir de marzo. As inscricións poden facerse ata este venres 17 de febreiro no departamento de Servizos Sociais e Igualdade ou chamando ao 981 490 027 (ext.1).

Este programa estará formado por 9 sesións de adestramento e estimulación da memoria. Ao longo de cada unha delas desenvolveranse diferentes exercicios prácticos que impliquen a actividade física e cognitiva das persoas participantes tendo en conta, iso si, as características de cada grupo.

Do que se trata é de xuntarse, facer exercicios moi sinxelos e poñer a funcionar a cabeza de maneiras moi diversas: con pasatempos, recordando “cousas de antes”, aprendendo trucos para non esquecer nada, vendo que dieta e que hábitos son máis saudables para manter a axilidade mental, etc.

Cada sesión durará unha hora e cuarto e celebrarase cada quince días en horario de tarde. Os martes os obradoiros serán en Ferreira e San Sadurniño, os mércores en Santa Mariña do Monte e Naraío e, por último, os xoves terán lugar en Bardaos e Lamas. Quedarían pendentes de concretar os días e horarios de Igrexafeita á espera de que haxa demanda suficiente para conformar grupo.

Os obradoiros de memoria activa van pola sétima edición e contan con finanzamento da Deputación da Coruña. Están orientados a persoas maiores de 55 anos e o Concello busca que se xunten grupos nas distintas parroquias -mínimo de 10 persoas- para levar a cabo as sesións nos locais sociais, de maneira que a toda a xente interesada lle quede cerca da casa.

Para apuntarse ou obter máis información hai que chamar ao 981 490 027 (ext.1) ou pasar polo departamento de Servizos Sociais e Igualdade. O prazo de inscrición remata este venres 17 de febreiro.