Saturday 16 de November de 2024

Fene estrea web turística e renova por completo o seu portal municipal


O Concello de Fene presentou esta mañá a nova imaxe e tamén as novas funcionalidades do portal web www.fene.gal. Un sitio redeseñado por completo para facelo máis accesible e adaptalo á navegación en dispositivos móbiles ao que, ademais, se lle engade unha web específica de turismo finanzada pola Deputación da Coruña. O portal turístico busca ser escaparate do territorio e da actividade que ofrece ao longo do ano, tanto pública como privada, e é o primeiro paso dunha estratexia de dinamización económica que se tentará acoller aos proxectos do GALP Golfo Ártabro Norte.

O Concello de Fene leva tempo traballando man con man co tecido asociativo – principalmente a confraría de Barallobre e o comercio, as empresas e a hostalaría- para darlle forma a unha proposta “que lle dea corpo e estabilidade á programación turística e de promoción económica”, tal e como sinalaba esta mañá o rexedor local, Juventino Trigo.

Dito doutro xeito, o que pretende a administración local é deseñar unha estratexia de desenvolvemento local apoiada no turismo que marque liñas de actuación e que agrupe e ordene actividades organizadas polo Concello ou por calquera entidade do territorio. “Fanse moitas actividades que ata o de agora están como deslabazadas”, explica Trigo.”o que queremos é incluír todo nun proxecto para que se vexa unha programación estable en todas elas”.

Esta iniciativa que o Concello aborda coas asociacións do municipio presentaráselle ao Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Norte que pecha o día 1 de marzo o prazo de admisión de propostas susceptibles de acollerse ás axudas do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca. De feito,o proxecto no que se traballa desde Fene tería acomodo no obxectivo estratéxico nº2, relacionado co impulso ao turismo mariñeiro, a integración da oferta turística para a mellora da súa competitividade e a posta en marcha de actividades sostibles vinculadas co mar.

Novo portal web

Neste obxectivo estaría encadrada a posta en marcha da nova web municipal de turismo que esta mañá se lle presentou ás entidades do municipio. Unha web que busca ser o referente “para contarlle á xente todo o que pode facer en Fene” e que forma parte dunha renovación que lle afectou a toda a plataforma municipal www.fene.gal.

Os cambios centráronse no deseño e na reestruturación dos contidos co obxectivo de facer a información máis accesible. Segundo o alcalde, desde hoxe o portal municipal “é máis vistoso e adáptase a calquera dispositivo de navegación”, algo que a anterior versión creada en 2007 non permitía.

Outra funcionalidade que se incorporou no proceso foi a de poder compartir os contidos nas redes sociais, de xeito que a información municipal poida alcanzar unha maior difusión.

Porén, alén dos cambios visuais e tecnolóxicos, fene.gal tamén é agora un colector unitario do que forman parte o portal cidadán, a web de turismo e outros dous sitios máis: unha web específica do Museo do Humor e o proxecto de recuperación da memoria histórica “Cóntanos Fene”.

Este último arranca cun aspecto renovado e con case 900 fotografías antigas que a xente pode comentar. Tal e como explicaba na presentación Manuel Pan -responsable da empresa Abertal Networks- “non se pretende que só se comenten as fotos, senón recuperar as historias que teñen detrás”. O novo sitio da memoria visual fenesa -como parte da rede Phottic- tamén permite rexistrarse e subir contidos novos.

Durante a presentación do novo www.fene.gal, o alcalde tamén aproveitou para agradecer “o esforzo do persoal municipal que traballou no proxecto” e convidou ás entidades “e a toda a veciñanza” para que naveguen polo sitio e axuden a melloralo.