Thursday 21 de November de 2024

O Concello de Oroso convoca tres obradoiros gratuítos de Entroido: máscaras, cup-cakes e rosquiñas


Nos tres casos é preciso anotarse previamente no centro cultural de Sigüeiro xa que o número de prazas é limitado
O Concello de Oroso organizará un total de tres obradoiros infantís gratuítos durante as próximas festas de Entroido: máscaras, elaboración de cup-cakes e rosquiñas. Tres ofertas de ocio dirixidas a nenos e nenas do municipio, que deberán anotarse previamente no centro cultural de Sigüeiro, no teléfono 981 690 903 ou a través da web www.concellooroso.com.

O primeiro dos obradoiros terá lugar esta mesma semana. Este venres 17 de febreiro, de 17:00 a 19:00 horas, o centro cultural de Sigüeiro acollerá o tradicional Obradoiro de Máscaras de Entroido. Está dirixido a nenos e nenas a partir dos 7 anos, que poderán elaborar cadansúa máscara para estas datas de Entroido empregando material de refugallo.

O segundo obradoiro será o de elaboración de cup-cakes de Entroido, dirixido a nenos e nenas de entre 4 e 13 anos. Terá lugar o luns 27 de febreiro en tres horarios: de 10:30 a 11:30 horas (nenos/as maiores de 9 anos), de 11:30 a 12:30 horas (nenos/as de 3 a 5 anos) e de 12:30 a 13.30 horas (nenos/as de 6 a 8 anos).

Finalmente, o mércores 1 de marzo, de 11:00 a 12:30 horas, o centro cultural de Sigüeiro acollerá un obradoiro de rosquiñas de Entroido, dirixido a nenos e nenas de 6 ou máis anos. O número de prazas é limitado e as inscricións deberán formalizarse no centro cultural a partir do 16 de febreiro.