A Consellería de Infraestruturas e Vivenda prevé licitar as obras antes do verán
A Xunta de Galicia licitará antes do verán as obras de mellora da impermeabilización e illamento técnico das vivendas de promoción pública construídas pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda en Felgosas e Vila da Igrexa no concello coruñés de Cerdido. Estas vivendas foron rematadas e entregadas aos seus adxudicatarios no ano 2003.
Como paso previo, os técnicos do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) realizarán un estudo das actuacións que se deberán ter en conta na redacción do proxecto para dar resposta eficaz ás necesidades das devanditas vivendas.
A actuación nos inmobles de Cerdido centrarase na impermeabilización e mellora do illamento térmico, con especial atención á mellora da eficiencia enerxética dos edificios, que se traducirá nunha mellora das condicións de habitabilidade das vivendas e unha menor demanda enerxética das mesmas.
As obras a realizar nas vivendas de promoción pública no concello de Cerdido enmárcanse no programa de mellora da eficiencia enerxética posto en marcha pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda e cofinanciado con fondos Feder.
Este programa permitirá actuacións directas realizadas polo Goberno galego en vivendas de promoción pública e, por outra parte, concederanse axudas a concellos para a realización de obras de mellora enerxética en vivendas da súa propiedade. O orzamento do departamento de Vivenda da Xunta para 2017 inclúe un total de 3,82 millóns de euros destinados a este fin.
O programa de mellora da eficiencia enerxética estará vixente ata 2020, inda que as obras aprobadas poderán estenderse ata 2023, e está dotado con máis de 9 millóns de euros entre fondos Feder e fondos autonómicos.