A petición ten por obxecto mellorar a seguridade viaria nas manobras de entrada e saída
O Concello da Baña acaba de remitir un informe á Delegación Provincial da Axencia Galega de Infraestructuras (AXI) no que solicita incrementar a mellora na seguridade viaria no entronque do vial municipal A Carballeira-Espesedo coa AC-546 Negreira-A Pereira, de titularidade autonómica.
Según explica o alcalde, Andrés García Cardeso, esta solicitude ten por obxecto mellorar a visibilidade e a seguridade no abanico do tramo municipal para facilitar as manobras de entrada e saída. “Recibimos queixas de conductores que incidían na pouca visibilidade para incorporarse á estrada autonómica. Personados con técnicos municipais na zona comprobamos os feitos e redactouse un informe que remitimos hai uns días ao xefe de servizo da Delegación Provincial da AXI na Coruña”, subliña o rexedor.
A medida implicaría recortar a varanda existente na zona de abatemento o que permitiría mellorar o abanico da estrada en dous metros “e manobrar con máis seguridade na entrada e saída do vial municipal de A Carballeira a Espesedo”.
Según indica o mandatario local, a medida non afectaría á protección da estrada autonómica. “O que propoñemos é recortar a varanda de protección na súa zona de abatemento nun metro por cada lado. Isto contribuiría a mellorar a visibilidade para os conductores que dende a estrada municipal se incorporen á autonómica e que terían así un abanico de visibilidade máis amplo”, recalca Andrés García Cardeso.