Tuesday 03 de December de 2024

O Concello de Lousame fai un chamamento á colaboración veciñal para acabar cos vertedoiros incontrolados de lixo



Villaverde solicita aos veciños “que non se depositen electrodomésticos na rúa” e, se ven a algún vehículo tirando lixo, “avisen no Concello pois é un dano ao noso medio ambiente e custa cartos a todos os cidadáns”

O Concello de Lousame fai un chamamento á colaboración veciñal para loitar cos vertedoiros incontrolados de lixo. A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explica que “nas últimas semanas están aparecendo pequenos vertedoiros incontrolados de lixo en distintos puntos de Lousame, como o último aparecido a carón do camposanto de Lesende”.

Trátase de pequenos verquidos de restos de electrodomésticos e de material de construción que nas últimas semanas están proliferando polos montes do municipio. Por iso, dende o Concello de Lousame faise un dobre chamamento. Por unha banda, pídeselles aos veciños e veciñas que non depositen electrodomésticos ou aparellos eléctricos na rúa. “Basta con que chamen ao Concello e xa llo recollemos nós na súa vivenda e sen custo algún para o veciño ou veciña”, lembra Villaverde Pais.

Por outro lado, a alcaldesa de Lousame tamén solicita a colaboración veciñal “para tratar de dar con aqueles que tiran o lixo en áreas non destinadas a tal fin polo que, se ven algunha persoa ou vehículo que estea tirando lixo, avisen no Concello pois é un dano ao noso medio ambiente e nos custa cartos a todos os cidadáns á hora de retiralo”.