O Concello de Oroso quere manifestar o seu máis profundo pesar pola morte de José Verea Montero, ilustre profesor, compositor e director musical nacido en San Mamede dos Ánxeles en 1934. O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, acompañado polos concelleiros de Seguridade, Antonio Leira, e Obras, Eduardo Veiras; desprazáronse ata o tanatorio de San Marcos (Marín) para transmitirlles o seu máis profundo pésame aos familiares e amigos de José Verea, que hoxe será soterrado no Cemiterio Municipal de Marín, vila na que residía.
Mirás Franqueira explica que “José Montero foi unha persoa que colaborou moito co Concello de Oroso e que levou o nome de Oroso por toda a xeografía española. Residía en Marín pero sempre tiña moi presente o seu Oroso natal”. Un aprecio mutuo, como demostra que a cidadanía orosá distinguiu a José Verea como finalista na III Gala da Cultura, celebrada o pasado mes de xuño de 2016, dentro da categoría “Recoñecemento especial á traxectoria no mundo da cultura”.
Así mesmo, días despois José Verea participou na homenaxe que o Concello de Oroso lle ofreceu á Banda de Música de San Mamede-Grabanxa e na recibiu o seu recoñecemento de mans do alcalde Manuel Mirás. Verea Montero, que falou neste acto en representación de todos os músicos que formaron parte destas dúas bandas orosás, expresou o seu desexo de que “este recordo sexa, sobre todo, para todos os que non están, das bandas de San Mamede, da Grabanxa, de Senra, de Arca, de Ordes… e de tantas outras que tanto fixeron pola música”.
Unha vida dedicada á música
Profesor e director musical, José Verea Montero cursou os seus estudos de música nos conservatorios de Santiago de Compostela, A Coruña e no Real Superior de Madrid. En 1952 obtén praza como músico na Armada e en 1963 ingresa na sociedade Xeral de Autores de España e no Corpo Nacional de Directores de Bandas de Música Civís. En 1964 rematou os seus estudos Harmonía e Composición en Madrid.
Seguiu formándose noutras disciplinas, realizando cursos de pedagoxía e dirección coral cos mestres Rivó e Martorell e participando en diversos cursos de música en Compostela e nos cursos Internacionais de Dirección de Orquestra (1966 e 1967). En 1974 ingresa co número 1 no Corpo de Directores de Música da Armada, dirixindo a música da zona marítima do Cantábrico ata xuño de 1977.
Dende entón e ata 1990, foi director de música na Escola Naval Militar de Marín. Tamén foi profesor no Conservatorio de Pontevedra (1972 a 1989) e no Conservatorio de Santiago (onde foi responsable da Cátedra de Formas Musicais, Harmonía e Composición) e director da Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra e do Coro dos Ex Cantores dos Institutos.
Como compositor, rexistrou máis de 180 obras. Dende poemas sinfónicos a misas, cuartetos e quintetos para instrumentos de corda e vento, pasodobres e marchas militares para bandas de música… incluso musicou obras de Filgueira Valverde.