Friday 22 de November de 2024

O III Chanfaina Lab achega este sábado 21 miradas sobre o territorio de San Sadurniño


Contamos as horas para que cheguen as 18.30 do sábado 11 de febreiro de 2017. Ese é o momento no que está prevista a estrea das pezas que compoñen o Chanfaina Lab 2016-17. O intre de descubrirmos as miradas sobre o territorio de xente de aquí e acolá, cada unha co seu xeito de ver e de facer ver. Na Casa da Cultura pasaranse 21 pezas, todas elas moi curtiñas pero que, en conxunto, compoñen un mosaico de sansadurniños e sadurniñeses/as de arredor de dúas horas. Proxectaranse todas dun tirón xusto despois de que cada cineasta faga unha pequena introdución do que quixo contar coa súa obra.

Porén, antes da proxección e das presentacións, a Concellaría de Cultura fará a presentación oficial do que será o IV Chanfaina Lab. A edición de 2017 que, previsiblemente, se celebrará na última fin de semana de agosto e na primeira fin de semana de setembro. As novidades que adiantou o departamento son que se potenciará a parte formativa do encontro e que se buscará darlle maior proxección internacional como foro de debate arredor da creación audiovisual en contornos rurais. E ata aí se pode contar de momento.

O que si está pechado xá é o pase do sábado, co que se finaliza a edición do Chanfaina iniciada en setembro de 2016. Proxectaranse 21 filmes con distintos estilos e técnicas e tamén distintas maneiras de achegarse á realidade local. E é que o Chanfaina é iso, un encontro de xente que debe contar con imaxes en movemento un territorio concreto, o de San Sadurniño.

Ao chamamento acudiron máis dunha vintena de realizadores e realizadoras. Nuns casos profesionais de renome e reputación -este ano houbo varios Mestre Mateo e mesmo un Goya-, noutros xente con afección ao cinema pero que se adica a outra cousa e incluso xente sen experiencia pero con ansia e valía sobradas para contar cousas con calquera dispositivo capaz de gravar imaxe en movemento. Todas e todos xuntos, cadaquén levando adiante o seu proxecto cos minutos contados e compartindo experiencias e coñecementos.

Entre os nomes figuran naturais ou veciños e veciñas de San Sadurniño como os xa experimentados Patricia Lamas, Miguel Sanjurjo xunto co resto do colectivo Con Suma Conciencia, Abel Vega e Fran Bermúdez, a quen se lle incorporaron os chanfaineiros primeirizos Bieito Beceiro, Sebastián Rodríguez e Pablo Martínez. Tamén xente chegada de Ferrol: Natalia Porca, Lara e Noa Castro e Marcos Lourido. E dúas pontesas, Ana Seijo e Sabela Pernas,(Videodinamizarte) que ofreceron o obradoiro “Retrata San Sadurniño: son de aquí e miro así” co que se abrirá a proxección do sábado.

Canda eles e elas o Chanfaina contou con relevantes cineastas procedentes doutros puntos máis alonxados do país. Nomes -e renomes- como o de Lois Patiño, Lara Bacelo, Eloi Domínguez Serén,Carla Andrade, Claudia Brenlla, Jorge Coira, Ángeles Huerta, Pablo Millán, Marta Piñeiro e Beatriz del Monte.

A única norma que se lles puxo foi a de limitar a súa visión ao ámbito territorial de San Sadurniño e, a partir de aí, que fixesen o que quixesen ou puidesen, quer tirando de historias investigadas previamente, quer deixándose levar pola sorte do “a ver que atopo”.

Desta maneira, o sábado poderemos ver o resultado dun proceso creativo que ten o mérito de parir obras variadas en escasos dous días de gravación. Obras diversas en argumento que, igual que en anteriores citas, non deixarán a ninguén indiferente. Velaí a relación de películas que poderemos ver o sábado á tarde:

Retrata San Sadurniño: Son de aquí, miro así. Obradoiro de videocreación . 5.13 min

Pois iso, que te quero. Beatriz del Monte 10.00 min

Deuteronomio 7:20. Marta Piñeiro 15 min

O libro. Bieito Beceiro e Sebastián Rodríguez. 5.52 min

Turulele. Claudia Brenlla. 8 min

O ollo cobizoso. Lara e Noa Castro. 7.44 min

O meu traxecto ó colexio. Pablo MartÍnez. 3.14 min

Sibila. Carla Andrade. 8.30 min

Mañá cocemos. Abel Vega. 11.35 min

Españolizer-pro. Con Suma Conciencia. 1.08 min

Flipacan. Con Suma Conciencia. 0.31 min

Sentimentos. Fran Bermúdez. 3 min

Here. Natalia Porca. 5.31 min

Tempo morto. Marcos Lourido. 4.48 min

Soli, soli. Eloi Domínguez. 8 min

Superficial. Unha ollada á superficie de San Sadurniño e a unha pequena historia dun suspiro. Jorge Coira. 6 min

Próxima estación, San Sadurniño. Ángeles Huerta. 9.03 min

Itaca. Lara Bacelo. 1 min

Tempo Vertical. Lois Patiño. 5 min

Negra sombra. Pablo Millán. 3 min

Ocultas na paisaxe. Sabela Pernas. 3.24 min