Estivo acompañado por técnicos de Augas de Galicia e Espina
O alcalde de Riveira Manuel Ruiz visitou a estación depuradora de augas residuais de Corrubedo para supervisar a posta a punto desta nova infraestrutura, cuxa entrada en funcionamento se prevé para o vindeiro mes de xaneiro de 2015.
Acompañado do concelleiro de Benestar Comunitario, Antonio Freire (natural da citada parroquia), o rexedor municipal percorreu as instalacións xunto con técnicos tanto de Augas de Galicia como da empresa adxudicataria da súa construción, Espina Obras Hidráulicas.
Segundo lle informaron a Ruiz Rivas, unicamente resta a alta na acometida eléctrica para poñer en servizo unha depuradora que atenderá o tratamento das augas residuais das parroquias de Olveira, Artes e Corrubedo.
Xestión
Así mesmo, subliñáronlle que, nos primeiros doce meses de funcionamento, a xestión da mesma será asumida pola propia empresa Espina Obras Hidráulicas.
Por outra parte, cómpre informar de que este luns arrancarán as obras correspondentes á futura depuradora de Riveira. Concretamente, operarios da UTE adxudicataria (formada por Copasa e Passavant España) comezarán pola execución dos tanques de tormenta previstos no parque de Pedra Pateira (neste caso será preciso redistribuír temporalmente a área deportiva alí situada) e no peirao de Aguiño.