A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático participou esta mañá nunha reunión para coñecer os plans do propietario da planta de tratamento para á licitación dos investimentos que optimicen as ratios de reciclase
A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Mª Cruz Ferreira, recordou esta mañá aos responsables do Concello da Coruña que na actualidade xa dispoñen dunha partida económica de 600.000 euros para poñer en marcha actuacións que incrementen os ratios de reciclaxe e rendemento da planta de tratamento de Nostián.
Así, llo trasladou a representante da Consellería de Medio Ambiente aos propietarios da planta de Nostián durante unha reunión celebrada esta mañá na Delegación Territorial da Coruña, na que lles trasladou que a Xunta xa habilitou unha contía de 600.000 euros de fondos da Xunta derivados do convenio marco, polo que este trámite permite ao propietario da planta levar a cabo as actuacións necesarias que permitan unha mellora das instalacións e do seu rendemento.
A directora xeral de Calidade recordou que esta foi unha das principais especificidades introducidas pola Xunta no actual convenio marco, co que se garante –para o modelo presente na Coruña e no Consorcio das Mariñas- unha inversión de 600.000 euros na mellora da planta de selección de envases que redundará nun incremento superior ao 15% do material recuperado na actualidade e garante que -se os investimentos non acadan o resultado esperado- os ingresos serán garantidos pola Xunta.
Xornada técnica
Por outro lado, a directora xeral tamén participou esta mañá nunha xornada técnica para explicar de primeira man as novas ferramentas coas que os concellos poden aumentar a calidade da recollida selectiva, que se realiza a través dos contedores amarelos, e que están recollidas no novo convenio marco entre a Xunta e Ecoembes e cuxa vixencia se prolongará ata o vindeiro ano 2021.
Entre as melloras introducidas no convenio, destaca o cálculo da variación dos prezos de combustible, que se mensualiza e tamén se definen melloras técnicas e dos procedementos de recollida, coa finalidade de incentivar a participación dos usuarios e que redunden nun incremento das achegas e da recollida de envases; así como aspectos relacionados coa facturación das entidades locais e as ferramentas informáticas á súa disposición, coa finalidade de axilizar os pagamentos.
A xornada está dirixida aos concelleiros de Medio Ambiente e ao persoal técnico para trasladarlles que unha maior calidade da recollida pode supoñer de xeito inmediato un incremento importante das cantidades que os concellos reciben, ademais de contribuír á mellorar dos niveis de reciclaxe en Galicia.