O período de inscrición permanecerá aberto ata o 21 de novembro
O concelleiro de Educación, Deportes e Xuventude, Francisco Mourelo, presentou as novidades do programa BecasUSA 2015/16, cuxo prazo de inscrición que permanecerá aberto ata o 21 de novembro. “Seguimos dando pasos e consolidando un programa fundamental para este Goberno municipal. Seguimos, polo tanto, incrementando as prazas ata alcanzar as 50, un 20% máis que no curso 2011/12 e 4 máis que o ano pasado”, destacou Mourelo, quen recordou que se trata dun programa dirixido ao alumnado en 4º da ESO dos centros educativos da cidade que ofrece unha situación de inmersión lingüística real a mozos coruñeses por medio de bolsas que permiten vivir e estudar durante o curso académico en Estados Unidos, “cos obxectivos principais de obter un dominio avanzado da lingua inglesa e adquirir un coñecemento profundo da cultura estadounidense, cursando o Grao 11, equivalente a 1º de Bacharelato, entre agosto de 2015 e xuño de 2016,”.
Os requisitos para inscribirse son, ademais de estar empadroado na cidade e matriculado nun centro escolar desta, ter obtido en 3º da ESO unha cualificación media de polo menos un 7. Os interesados teñen que cubrir o formulario de solicitude na web municipal www.edu.coruna.es e presentala xunto co resto da documentación solicitada nas bases. Este curso, ademais, modifícase o sistema de presentación de solicitudes, xa que será cada familia a responsable de presentar a inscrición nos rexistros municipais.
“Dende hai tres anos incluíronse importantes cambios organizativos que melloran substancialmente a calidade e a formación recibida por parte dos 50 mozos participantes, incrementando, para iso, o presuposto que nesta edición ascende a 312.041 euros, 25.541 euros máis que o ano pasado”, explicou o concelleiro, quen recordou algunhas das medidas que se puxeron en marcha para mellorar o programa que recibiu unha valoración media por parte dos participantes dun 8,66 sobre 10.
.Incremento gradual do número de bolsas ofertada, pasando das 42 de hai dous anos ás 50 actuais. “Trátase dun esforzo económico e organizativo importante para garantir que máis mozos da nosa cidade gocen dunha experiencia persoal e académica destas características”, destacou Mourelo.
.Adiantamento das datas do proceso de selección dos estudantes con dereito a bolsa. “Desta forma -explicou-, o noso programa equipárase e compite con programas similares doutros países europeos. Así, canto antes teñamos a nosos subvencionados seleccionados, antes as autoridades educativas americanas poderán ofrecer aos mozos coruñeses centros educativos máis grandes e, en consecuencia, con maiores oportunidades para elixir materias e itinerarios que respondan mellor aos seus intereses, ademais dunha oferta máis completa de actividades deportivas e culturais no horario extraescolar.
.Ampliación de destinos. “Pasamos de 3 ou 4 estados, a máis de 20. Neste curso en concreto, temos mozos coruñeses en 22 estados americanos, dende a costa atlántica ata o Pacífico: Texas, Wisconsin, California, Ohio, Michigan, Illinois, Kansas, Washington, Dakota do sur, Iowa, Missouri, Lousiana, Nova York, Boston, Xeorxia, Idaho, Colorado, Florida, Utah, Indiana, Kentucky e Oregón.
.Aplicación de criterios de selección dos subvencionados máis obxectivos nos que non só puntúan o expediente académico e a boa conduta, senón tamén o esforzo por prepararse e certificar o dominio do inglés nos diferentes niveis do Marco Común Europeo da Linguas.
. Proba de coñecemento de inglés realizada polo Servizo Municipal de Educación, tanto de comprensión auditiva e escrita coma de comprensión e expresión oral.
. Curso intensivo de máis de 50 horas de inglés oral, no que practican as situacións máis habituais que vivirán á súa chegada a USA, ademais dunha formación específica sobre a mentalidade e a cultura norteamericana. “Dende que este curso se puxo en marcha deixaron de producirse os abandonos que se producían antes por inadaptación á vida norteamericana”, recordou Mourelo.
. A sétima e última medida afecta á viaxe de ida para lograr unha rápida integración dos nosos mozos na vida americana. Os estudantes seleccionados saen sempre de forma gradual para o seu destino en USA tomando como referencia a data do comezo do curso. Trátase de evitar que haxa moito tempo entre a súa chegada ao destino e o comezo das clases no High School. Ao principio, o centro educativo resulta decisivo para a súa rápida socialización mesmo máis que a propia familia.
Francisco Mourelo tamén recordou que das 50 prazas que se ofrecen, 10 son arceas ao 100% e o resto en función da renda per cápita anual, cubríndose ata un 80% do custo polo Concello.
Xunto ás Bolsas Europa FP- Proxecto Acore, son 100 as bolsas convocadas polo Concello para estudantes coruñeses de Secundaria e FP no curso 2014/15. “Estas Bolsas, sendo importantes, son só a parte final e visible dunha estrutura para a adquisición de linguas estranxeiras que, dentro do programa educativo do Concello Coruña Educa, empeza nas Escolas Infantís Municipais, segue no sCEIPS e remata nos centros de educación Secundaria coruñeses ao finalizar 2º de Bacharelato”, explicou Mourelo, quen concluíu: “En definitiva, o Concello é profundamente consciente da necesidade de formación dos nosos mozos neste ámbito, e con estes programas quere posibilitar as mellores e máis eficaces oportunidades de adquisición de linguas estranxeiras, para obter así un valor engadido na formación dos nosos mozos con evidentes e positivas consecuencias para o seu futuro persoal e laboral,”.