“GrafoArt. Alma en papel e tinta” é unha escolma das obras de Myriam Cordero Garrido. Unha artista autodidacta que comezou a debuxar de nena e que descubriu as súas cualidades na adolescencia, cando lle empezaron a facer encargas de retratos e escenas que ela é capaz de trasladar ao papel cunha fidelidade case fotográfica. Algúns dos seus debuxos máis abraiantes están expostos desde mediados de xaneiro na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura. Quen queira velos debe bulir, xa que a mostra finaliza este venres á tarde.
Myriam Cordero pinta en branco e negro usando tinta permanente sobre papeis de alta gramaxe ou incluso pintura acrílica sobre lenzos e murais. A partir dunha foto debuxa a man alzada calquera cousa cunha precisión reprográfica.
A súa habilidade levouna hai catro anos a poñer en marcha a través das redes sociais o proxecto Estudio Artístico “GrafoArt” e, desde aquela, as súas obras teñen viaxado a unha chea de lugares do estado e tamén a países do estranxeiro.
Participou en exposicións colectivas da comarca -o Concurso de Pintura Bello Piñeiro, a Bienal de Pintura Balconadas de Betnzos e a do concurso Manuel Rebón de Ares-, pero esta de Fene é a súa primeira exposición individual.
“Grafoart. Alma en papel e tinta.” leva aberta desde o 17 de xaneiro na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura-Museo do Humor. Este venres día 10 de febreiro remata a súa estadía en Fene. Nos días que quedan ata daquela pode visitarse nos horarios habituais do museo pola semana: de 10 a 13.00h. e de 16 a 21.00h.