Cinensino é un programa dirixido a alumnado de educación primaria e ESO que pretende servir de apoio na prevención de codutas adictivas de todo tipo entre a rapazada e a adolescencia. O programa combina a proxección de películas nas aulas co debate e o traballo arredor do seu contido como fórmula de aprendizaxe de conceptos que, se cadra, son difíciles de explicar doutro xeito. Varios centros escolares de Fene participan desta iniciativa no curso 2016/2017. Este xoves pasarase no CEIP O Ramo de Barallobre o filme “Aviones de papel”.
Esta película australiana de 2015 tamén será a que se proxecte no colexio Jorge Juan de Perlío o 17 de marzo. O filme conta a historia dun rapaz amante de todo o que voa e de como percorre o seu camiño ata converterse nun as da construción de avións de papel. Todo rodeado de historias paralelas sobre a amizade, a relación co seu pai viúvo, etc.
No marco do Cinensino, “Aviones de papel” servirá para traballar o módulo da natureza fronte ás TIC e afondar sobre o concepto do Trastorno por déficit de natureza, que vén sendo a ansiedade e o estrés provocados pola desconexión humana dos contornos naturais.
“Aviones de papel” é o título elixido para primaria. Porén, para o alumnado de primeiro da ESO dos colexios de Centieiras, A Xunqueira e do IES de Fene -que aínda non teñen data pechada- optouse polo filme francés “El Novato”, centrado nos conceptos de popularidade e de pertenza ao grupo na adolescencia.
Os colexios de Fene participan en Cinensino xunto con centros de primaria e secundaria de Neda e Mugardos. En total son 14 colexios, 740 alumnos e alumnas e 41 mestres e mestras implicadas neste programa de educación en valores pensado para apoiar con medios audiovisuais a prevención do consumo de alcol e outros trastornos adictivos e comportamentais no eido escolar.
Cinensino consta dun curso de formación para o profesorado en internet, a proxección de tres películas en formato 35 mm ou DVD, tres módulos principais ou unidades didácticas para traballar co alumnado nas aulas ao longo do curso escolar e o desenvolvemento de actividades complementarias nas redes sociais.