Friday 22 de November de 2024

A Xunta declara a corentena para os patacais de case toda a comarca por mor da couza guatemalteca


As previsións confirmáronse. Tal e como aventuramos nesta páxina en xuño do ano pasado, os municipios de San Sadurniño,Valdoviño, A Capela, Fene, Mugardos, Ares, Cabanas, Ortigueira, Mañón e As Pontes pasan formar parte desde hoxe da listaxe de 31 concellos galegos onde hai decretada corentena por presenza de Tecia Solanivora Povolny, máis coñecida como couza guatemalteca da pataca. Así o reflicte o Diario Oficial de Galicia, que publica a resolución no día en que se reuniron en Santiago representantes de Medio Rural e dos municipios afectados. A declaración da corentena prohibe sacar tubérculos das zonas demarcadas, tanto os recollidos en 2016 como os que se dean este ano. Porén, a Xunta vai máis aló e recomenda que se paralicen de momento as novas plantacións. A consellería informou esta mañá que o Ministerio de Agricultura está a piques de publicar un decreto con novas directrices para combater a praga que, case con total seguridade, prohibirá o cultivo tanto comercial como doméstico nas zonas afectadas.

Da desembocadura do Eume cara ao norte só queda un corredor libre de couza formado polos territorios de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche e As Somozas e desde Ortigueira ata a desembocadura do Eo só libra da corentena o concello de Muras. E é que o norte de Lugo e tamén o occidente asturiano están infestados con esta praga capaz de acabar por completo coas colleitas.

Detectouse por primeira vez nas Canarias en 1999 e en 2015 a administración constatou que saltara á península pola nosa zona precisamente, o que levou á Xunta a demarcar os concellos de Ferrol, Narón e Neda dentro dun plan de contención co que se tentaba confinar e eliminar a praga antes de que se propagase. Porén, en febreiro de 2016 apareceron novos focos na zona da Mariña luguesa e agora, recén estreado 2017, sábese que ese plan de contención de pouco ou nada serviu.

Esta especie invasora pon os seus ovos nas patacas. Alí vai medrando na forma dun verme que se alimenta da pulpa. Deixa como resultado unha pataca chea de galerías que acabará podrecendo e que, en calquera caso, xa non vale para comer. Cando completa esta fase, o verme marcha do tubérculo e fai un casulo de seda onde se transformará nunha pequena avelaíña. A metamorfose pode producirse no patacal ou tamén no chan, nos sacos ou nas paredes do lugar onde se garden as patacas despois de recollelas. Estímase que, dependendo da temperatura, o ciclo biolóxico de cada exemplar pode completarse entre os 41 e os 95 días.

Se temos couzas guatemaltecas no patacal a súa eliminación é complicada, aínda que non imposible. A cuestión é que na maior parte dos casos non nos daremos conta do que ocorre ata que pelemos a primeira pataca e a atopemos inzada de cavernas. A loita contra a praga ten tres partes: a corentena das zonas con presenza constatada, os traballos agronómicos previos á sementeira das patacas e o combate durante a etapa de crecemento e o posterior almacenamento da colleita.

Nestes momentos hai quen xa botou as patacas de cedo ou quen está a piques de facelo. Tamén hai quen xa mercou a semente das de tarde e agarda a que enxugue o tempo para poñela no terreo. Desde a Xunta recoméndase paralizar as plantacións mentres non se publique o decreto ministerial que regulará as medidas contra a praga, xa que é posible que ese decreto prohiba o cultivo nas zonas de corentena. Unha restrición que, de chegar a materializarse, podería estar en vigor durante alomenos dous anos.

Se finalmente non hai prohibición poderanse seguir plantando patacas, aínda que despois de colleitadas non se poderán sacar das zonas demarcadas de corentena. Para minimizar o impacto da praga é necesario facer certos labores xa antes de plantar:

Preparar o terreo e desenterrar, 15 días antes da plantación, os tubérculos afectados de campañas anteriores, recollelos e eliminalos.
Na sementeira enterrar a unha profundidade mínima de 15 cm, tapar ben a sementes -sempre certificadas e con garantía sanitaria- para colocar unha barreira de terra entre estas e as larvas.
Eliminar as plantas de colleitas anteriores que broten durante as primeiras etapas de cultivo.
Amontoalas cunha altura mínima da terra de 25-30 cm.
Facer rotación de cultivos, evitando volver plantar en dous anos nunha zona onde houbese couza.
Tamén será obrigatorio colocar trampas con feromonas para a captura masiva de exemplares e complementar o trampeo con tratamentos contra a couza: clorantraniliprol, clorpirifos, teflutrín e outros que figuran no folleto informativo sobre a praga publicado pola Consellería do Medio Rural.

Unha vez se recollan as patacas é importante revisar que estean libres da praga fixándose no aspecto que presentan os tubérculos e abrindo varios para ver se están comestos ou aínda teñen dentro a larva de cor rosácea. Iso será un indicador importante pero non definitivo, posto que podemos estar gardando patacas aparentemente sanas pero que xa levan dentro os ovos do verme que despois se converterá en avelaíña no almacén.

As precaucións que se deben tomar son varias:

Separar dentro do almacén os tubérculos de semente e os de consumo.
Colocar mallas tupidas, tipo malla anti insectos, sobre os tubérculos almacenados para evitar a entrada e saída da avelaíña.
Desinfección do almacén, da maquinaria e das ferramentas de manipulación con produtos autorizados (descritos no folleto da Xunta)
Realizar unha selección dos tubérculos antes de ser almacenados, eliminando todos aqueles que presenten danos que poidan ser causados pola praga.
Realizar un tratamento dos tubérculos en almacén con materias activas autorizadas no Rexistro Oficial de Produtos Fitosanitarios do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (descritos no folleto da Xunta).
Colocar trampas con feromona para a detección da praga. Son pequenas follas triangulares onde quedan pegadas as avelaíñas.
Os sacos baleiros e outras embalaxes almacenaranse en compartimentos distintos e separados dos tubérculos.
Para destruír as patacas sospeitosas, pódese facer un burato no chan, botar a pataca e cubrila con cal viva. Tamén se pode conxelar o tubérculo afectado antes de desbotalo, dado que a conxelación elimina as distintas formas do insecto. Por último, pódense quentar as patacas (microondas, por exemplo), de xeito que o insecto morra, antes de enterralo ou botalo no contedor correspondente.