A Aula Mentor EducaOroso vén de incorporar dous novos cursos á súa oferta formativa: “Fabricación dixital: Introdución ao modelo e impresión 3D” e “Análise e escritura de guións de cine”. Ademais, vén de actualizar o curso “A exposición: deseño e montaxe”. A matrícula nestes tres cursos ou en calquera dos 150 cursos que oferta a Aula Mentor EducaOroso está aberta permanentemente, coa excepción do mes de agosto. Máis información, na propia Aula (rúa do Deporte 7, Sigüeiro) ou no 981 688 950.
O curso “Fabricación dixital: introdución ao modelo e impresión 3D” está dirixido a aquelas persoas que desexen achegarse ao mundo das impresoras 3D, pois se farán deseños e execucións dalgunhas pezas. E é que a fabricación dixital baseada no modelado e impresión 3D é unha realidade capaz de dar solución a moitos dos problemas que se formulan na nosa sociedade, axilizando e abaratando a produción de obxectos realizados a medida.
O curso “Análise e escritura de guións de cine” está dirixido a calquera persoa afeccionada á sétima arte e que queira adquirir unha visión que transcenda á do mero espectador, afondando no coñecemento dun oficio como é o da escritura de guións.