Friday 22 de November de 2024

Igrexafeita e Naraío ratifican a viabilidade do sistema de recollida do lixo “Porta por porta”


O Concello celebrou recentemente unha xuntanza veciñal en Naraío para dar conta dos resultados da recollida de lixo en varias zonas desta parroquia e da de Igrexafeita onde o ano pasado se introduciu o denominado “Porta por porta”. Un sistema consistente en achegar máis os colectores ás vivendas, en facer unha correcta clasificación domiciliaria e en reciclar na casa a materia orgánica (no esterco ou en composteiros) para conseguir deste xeito baixar a factura que se lle paga a SOGAMA polo tratamento de resíduos. O modelo leva funcionando dous anos en Ferreira con resultados satisfactorios que, segundo os datos recollidos, tamén se están reproducindo con éxito na nova ruta de recollida.

O funcionamento do “Porta por porta” baséase na formación e concienciación da xente para que faga ben a separación das distintas fraccións do lixo, co obxectivo de que todo o reciclable -envases, vidro, plásticos, papeis e cartóns- vaia ao cubo correspondente mentres que a materia orgánica -a parte que máis pesa da bolsa- se trata na casa, ben dándolla aos animais ou ben facendo compostaxe/esterqueira. O obxectivo que se persegue con esta maneira de facer as cousas é dobre: contribuír á conservación do ambiente e reducir todo o que se poida a cantidade de lixo que se manda a SOGAMA.

Por outra banda, o sistema ten tamén unha parte operativa. Increméntanse o número de colectores, achéganse máis aos domicilios e emprégase para a recollida un pequeno furgón en vez do grande camión compactador que percorre o resto do concello. Desta maneira tamén se reducen custes de mantemento e en combustible que, sumados aos da rebaixa na factura do tratamento, supoñen un aforro ambiental e económico.

Tralo comezo da experiencia hai dous anos en Ferreira, o “Porta por porta” ampliouse en 2016 a parte de Naraío e Igrexafeita. Concretamente ás zonas máis elevadas ou cun acceso máis complexo para o camión compactador. O novo percorrido abrangue 52 quilómetros, 18 núcleos de poboación, 45 vivendas e arredor de 150 veciños e veciñas implicadas no proxecto cunha media de idade de 62 anos.

A enquisa realizada hai algúns días pola técnica de ADEGA María R. Lafuente -que se encargou da formación, titorización e avaliación dos resultados- apunta a que o 95% das persoas participantes “adaptouse sen problemas ao novo sistema de clasificación e separación no fogar”. A este respecto a técnica indica que os usuarios e usuarias ven como moi positiva “a posibilidade de reciclar e que haxa máis limpeza”, engadindo que se ben o sistema SOGAMA “lles era máis sinxelo” agora en todos os casos “prefiren continuar co ‘Porta por porta'”.

Alén dos datos sobre a percepción do servizo por parte dos usuarios e usuarias, o sistema tamén ofrece indicadores económicos e ambientais. Durante o 2015 desde a zona de percorrido enviábanse a SOGAMA 2.800 quilos de lixo mensuais -19,5 kg/persoa/mes- que trala posta en marcha da recollida de proximidade se viron reducidos a tan só 1.800 quilos, 12,5 quilos por persoa e mes.

Baixouse nunha tonelada o lixo recollido e a parte proporcional da factura de SOGAMA no trazado pasou de 227,5€ a 146,28€ mensuais. Pero o aforro aínda foi maior ca esas cifras, segundo os datos dos que dispón o Concello. E é que se se lle suman á minoración da factura de SOGAMA as rebaixas en combustible, e en mantemento do camión, dá que durante o ano se conseguiu unha redución de 1.335€ nos custes do servizo.

A titular da área de Servizos, Amparo Calvo, puntualiza que estes resultados se conseguiron “grazas á implicación de todos os veciños e veciñas”. A edil responsable do servizo asegura tamén que San Sadurniño “está converténdose nun referente para moitos outros concellos” ademais de ser un dos municipios galegos “máis concienciados e cunha mellor resposta en materia de separación e reciclaxe”.

O balance do último ano en Naraío e Igrexafeita -e tamén o resultado alcanzado en Ferreira- danlle azos ao Concello para continuar estendendo o sistema de recollida de proximidade a outras zonas do municipio. De momento non está decidido cal vai ser a seguinte parroquia que se integrará no modelo. O que si ten claro o goberno local é que fará falla investir nun novo furgón de recollida que lles facilite aos traballadores municipais erguer e baleirar os colectores e que incluso aforre máis en combustible. Estúdase a posibilidade de adquirir ou arrendar un furgón especial para estes labores con motorización híbrida ou que funcione con gas licuado do petróleo (GLP).