Monday 25 de November de 2024

O goberno local de Fene reunirase con representantes de Abanca para solicitar a continuidade da oficina de San Valentín


A sucursal de Abanca en San Valentín podería pechar á volta do verán. Ese é o rumor que se estendeu nos últimos días polo barrio e que estaría confirmado pola propia dirección da sucursal, tal e como lle trasladaron ao goberno local representantes do Centro de Promoción Social. O executivo solicitou unha xuntanza urxente con Abanca co obxectivo de coñecer de primeira man as intencións do banco e, de ser o caso, presionar para que a sucursal continúe aberta.

A reunión quedou fixada para o próximo luns ás 10.00h. e a ela asistirán o alcalde de Fene, Juventino Trigo, o director da entidade e o delegado de zona de Abanca. O rexedor local tamén lle comunicou a convocatoria aos voceiros da oposición para que poidan sumarse ao encontro “se o estiman oportuno”.

Segundo Trigo, a xuntanza é resultado dunha petición veciñal formulada polo CPS de San Valentín ante a noticia do posible peche da sucursal. “Os veciños e veciñas temen quedar sen este servizo e todo apunta a que, efectivamente, a intención do banco é pechar a oficina situada na Torre 3, posiblemente no verán”.

De cumprirse os temores veciñais, o concello de Fene quedaría con só dúas sucursais da antiga Caixa Galicia, a da avenida Naturales de Fene e a de Maniños “pero ningunha no barrio máis populoso do municipio que, ademais, presenta peculiariedades que Abanca debería ter en consideración”.

Segundo Trigo, entre as circunstancias que se deberían ter en conta estarían “o avellentamento poboacional” e a realidade dunha zona “que precisa dispor dos mesmos servizos que unha pequena cidade”.

O alcalde sinala que a xuntanza do luns será unha toma de contacto coa finalidade de que os responsables da entidade “nos confirmen ou non se hai intención de deixar o barrio sen banco e se isto é así, arrancar un compromiso para que recúen nesta decisión”. Juventino Trigo engadiu que Abanca, malia ser hoxe unha empresa privada, “debería manter algo do seu espírito social orixinario e pensar máis no servizo público que unicamente nos resultados”.