Thursday 21 de November de 2024

O temporal deixa liñas de tendido eléctrico e telefónico partidas e numerosas árbores caídas nas estradas e pistas de Oroso


Os fortes ventos rexistrados durante esta madrugada en Oroso ocasionaron múltiples incidencias no municipio, se ben non houbo que lamentar ningún accidente grave. Dende primeiras horas da mañá, membros de Protección Civil de Oroso e traballadores municipais se organizaron en varios grupos de traballo para dar resposta ás múltiples incidencias rexistradas.

As máis comúns foron as caídas de árbores e ramas sobre estradas e pistas municipais, que foron retiradas o máis axiña posible para evitar afeccións ao tráfico. Tamén houbo que lamentar a rotura de varias liñas de tendido eléctrico e telefónico pola caída de árbores, que provocaron varios cortes de luz e teléfono en varias zonas do municipio. Naqueles casos nos que o cable ten caído sobre algunha pista, esta quedou debidamente sinalizada e mesmo algunha pista quedou cortada ata a retirada do cableado. Tanto dende o Concello como dende Protección Civil piden moita precaución nas estradas, especialmente a partir desta tarde, cando está prevista a chegada dunha nova fronte.