Os servizos municipais estiveron dende primeira hora retirando árbores e ramas caídas nas estradas e pistas municipais
O temporal que azotou esta madrugada Galicia deixou múltiples incidencias no municipio de Frades, cuxos traballadores municipais estiveron atendendo dende primeira hora. O alcalde, Roberto Rey Martínez, explica que os fortes ventos rexistrados esta madrugada “levaron parte das cubertas de varias explotacións gandeiras e derrubaron varias árbores, algunhas delas sobre o tendido eléctrico e telefónico, deixando sen luz e sen teléfono a varias localidades”.
De feito, o teléfono fixo do Concello de Frades estivo caído durante toda a mañá. Durante esta xornada, os traballadores municipais se dedicaron a retirar as árbores e ramas caídas sobre distintas pistas e estradas municipais. Un operativo que se manterá alerta durante as próximas horas ante o anuncio dunha nova borrasca ás 18:00 horas de hoxe que traerá fortes ventos.