Durante esta mañá o temporal semella que nos quixo dar unha tregua. Fixo vento e choveu, si, pero nada en comparanza co que ocorreu pola noite e que a maioría de nós sentimos desde a cama e descubrimos tan pronto como nos erguemos. Árbores atrancando algunhas pistas, ramalla ciscada pola estrada, algúns colectores do lixo cambiados de sitio e avarías nos postes da luz e do teléfono son o resume dunha madrugada na que o vento zoou máis do que se agardaba. Unha situación de alerta laranxa que se mantén activa durante todo o día de hoxe e ata a madrugada de mañá.
O Concello activou onte a primeira hora da tarde un dispositivo de seguridade e de atención inmediata ante calquera incidencia que puidera producirse. Na tarde deste xoves só se produciu unha pequena incidencia coa subministración de auga á zona de Currás e a intervención do retén de persoal municipal non foi necesaria ata esta mañanciña coincidindo cos momentos de maior intensidade do temporal.
De feito a brigada do Concello iniciou aínda con noite a limpeza de ramalla e a retirada de árbores caídas sobre as principais vías de comunicación e, nomeadamente, daquelas polas que discorre a ruta do transporte escolar. Quen cantou os primeiros avisos foi o camión do lixo e, pouco a pouco, foron uníndoselle chamadas veciñais e do propio equipo de goberno, que se repartiu polo territorio para dar conta da situación creada polo temporal.
A relación de puntos conflitivos abrangue todo o municipio, aínda que con maior incidencia do vento -segundo parece- nas parroquias da metade norte. En Santa Mariña quedaron sen luz e os operarios municipais traballaron arreo coa motoserra no Camiño Arriba, no Chao de Lamas, en Vilachá, Bouzarrara, nos Pantís, na zona da Agra de Arriba e máis na da Rubiña, xa en San Sadurniño. Porén tamén se produciron incidencias reseñables na banda sur do municipio. En Naraío houbo caídas de árbores na Penamoura e na Fontela, onde o aire mesmo moveu a caseta dunha parada do transporte público. En Igrexafeita o vento tamén fixo das súas e a veciñanza notificou -e mesmo solucionou en parte- a rotura de dous postes do alumeado na zona de Remecieiro.
Para a tarde a cousa non pinta moito mellor. A pesar de que levamos unhas horas de relativa calma, todo apunta a que o vento vai arreciar de novo. Así o aseguran as previsións de Meteogalicia e a AEMET e por iso vai manterse activa a alerta laranxa por vento ata aproximadamente as 3.00h. da próxima madrugada. Logo desa hora o aviso baixa a amarelo, o mesmo que hai decretado por acumulación de auga tanto hoxe como mañá.
Desde o Concello insístese na necesidade de tomar precaucións, como son limitar os desprazamentos e informarse antes de saír da casa, ter coidado coas caídas de árbores e outros materiais, asegurar calquera obxecto exposto ao vento e non subir ao tellado. Mantense neste momento tamén a alerta laranxa por ondas e por vento no mar. Por iso, aínda que a costa e as praias ofrezan unha imaxe espectacular, mellor non achegarse moito.