Friday 22 de November de 2024

Economía e Industria abre o prazo de solicitude para participar en feiras internacionais con Artesanía de Galicia


A participación nestes encontros internacionais de recoñecido prestixio enmárcase no novo Plan de Artesanía de Galicia

A Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, dependente da Consellería de Economía e Industria, recibirá ata o vindeiro 21 de novembro as propostas dos artesáns que estean interesados en participar con algunha das súas pezas na colección que presentará Artesanía de Galicia en dúas feiras de decoración de recoñecido prestixio internacional: Formex, que se celebra en Estocolmo, e Tent London.

Os beneficiarios desta iniciativa serán os obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía que teñan concedido o uso da marca. Os interesados deberán enviar as súas solicitudes a través da páxina web www.artesaniadegalicia.org, nas que incluirán tanto fotografías das pezas propostas como unha memoria técnica na que se inclúa información sobre materiais e procesos de elaboración dos produtos.

A colección seleccionada poderase ver nas dúas edicións da feira Formex, que se celebra en Estocolmo do 14 ao 17 de xaneiro e do 19 ao 22 de agosto, e está considerada unha referencia no deseño nórdico, así como en Tent London, que terá lugar do 24 ao 27 de setembro na capital británica, coincidindo coa celebración do Festival de Deseño de Londres.

Estas feiras constitúen unha oportunidade para a reunión de axentes, importadores, deseñadores, produtores e compradores de deseño interior e da industria de agasallos, unha porta aberta a un mercado internacional no que o produto artesán galego reforza a súa presenza grazas á marca Artesanía de Galicia.

A participación de Artesanía de Galicia nestes eventos forma parte do novo Plan de Artesanía de Galicia, unha folla de ruta impulsada pola Consellería de Economía e Industria coa que se busca acadar un sector artesán sólido e sostible no tempo e que contribúa ao crecemento da economía galega, incidindo na competitividade empresarial e a potenciación do talento galego. A comercialización e promoción do produto artesán galego a través da consolidación da marca Artesanía de Galicia nos diferentes mercados, constitúe unha das liñas estratéxicas que se enmarcan dentro deste plan.