Friday 22 de November de 2024

Abre o prazo para solicitar axudas do Leader 2014-2020


Desde o martes 31 de xaneiro está aberto o prazo de presentación de proxectos para as liñas de axuda do plan Leader 2014-2020 que, no caso de San Sadurniño e doutros concellos da comarca, está xestionado polo GDR Seitura 22. De cara ao finanzamento de proxectos, nesta anualidade o grupo de desenvolvemento rural disporá de 563.000 euros, mentres que para 2018 a cifra se situará nos 278.000 e, xa en 2019, en preto de 842.000. Cartos que se asignarán a proxectos produtivos e non produtivos ata esgotar os fondos, de aí que sexa tan importante ir preparando a documentación e presentando as solicitudes. Para obter máis información sobre o programa e as actuacións susceptibles de obter finanzamento pódese contactar co técnico de Desenvolvemento Local do Concello ou, mellor aínda, acudir ao GDR Seitura 22, que xa ten aberta oficina no recinto de FIMO, en Ferrol, e tamén nas Pontes e en Ortigueira.

No GDR Seitura 22 están integrados os 22 municipios -ademais do de Miño- que antes se dividían en territorio Costa Noroeste e Euroeume, as dúas entidades que xestionaron na zona o anterior periodo de fondos europeos FEADER. Esta entidade consituida en 2016 mediará entre as iniciativas públicas e privadas e a AGADER, como axencia encargada en ultimo caso do desenvolvemento en Galicia do Leader 2014-2020.

A función de Seitura 22 é a de dinamizar, informar e tramitar os proxectos que se presenten, que poden ser produtivos e non produtivos. Nos primeiros encadraríase a iniciativa privada -pemes, persoas autónomas, etc.- e no segundo entrarían máis ben as entidades públicas con propostas de interese colectivo que non supoñan o desenvolvemento dunha actividade económica con finalidade lucrativa.

As bases reguladoras do programa apuntan a que del poderán beneficiarse persoas físicas e xurídicas. Os investimentos que se queiran acoller ás axudas non poderán estar iniciados antes da solicitude, terán que estar localizados no territorio que abrangue o GDR, ser viables desde o punto de vista técnico e económico e ser finalistas, é dicir, que na data da xustificación final dos investimentos ou gastos subvencionados se cumpran os obxectivos para os que se aprobaron os proxectos. neste sentido non poderán subvencionarse fases dun proxecto que non constitúa unha actividade finalista.

A prioridade na asignación de fondos virá marcada pola propia diagnose do territorio que se fixo trala constitución do GDR. Dito doutro xeito, os proxectos que se primarán son os que atenden ás necesidades de desenvolvento reflectidas no plan de acción de Seitura 22, froito dun intenso traballo de xuntanzas sectoriais durante o ano pasado.

Nese plan figuran, entre outras actuacións produtivas, o apoio á creación, ampliación e mellora dos servizos comerciais nas zonas rurais; a dotación de servizos asistenciais dirixidos a colectivos desfavorecidos; os investimentos na mellora da mobilidade e acceso a servizos para persoas con discapacidade; os proxectos centrados na difusión do uso das TIC entre o tecido empresarial e social; o investimento en proxectos agrarios respectosos co medio, fundamentados na produción ecolóxica e nas variedades autóctonas; a promoción da eficiencia enerxética nas explotacións; as iniciativas que desenvolvan a función produtiva do monte; a valorización de producións complementarias como a micoloxía e os pequenos froitos; apoiar a transformación das producións locais e a súa adscrición a distintivos de calidade; a prestación de servizos turísticos especializados; o asesoramento ao emprendemento e a posta en marcha de espazos para as iniciativas empresariais… e así ata compoñer un documento con 30 paxinas de posibilidades potencialmente elixibles para seren financiadas.

O periodo de solicitude das axudas está xa aberto. De feito permanecerá aberto durante todo o periodo de vixencia do Leader 2014-2020 ou ata que se esgoten as partidas consignadas. É importante ter isto en conta, xa que canto antes presentemos o noso proxecto máis posibilidades teremos de que nolo financien -a axuda pode chegar ao 40% do total solicitado-. Iso si, o proxecto deberá cumprir cos requisitos e manterse activo alomenos 5 anos despois da percepción da axuda.