Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Oroso fará un showcooking en Xantar para promover a Festa da Troita


O Concello de Oroso organizará este sábado 4 de febreiro o showcooking “Troitas de Oroso” no marco da 18ª edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar, que ata o vindeiro domingo 5 de febreiro reúne en Ourense a 232 expositores procedentes de once países. O showcooking orosán terá lugar ás 12:00 horas na Aula Gastronómica de Galicia, dentro do XII Encontro Internacional sobre Gastronomía Saudable e Sostible.

A concelleira de Turismo de Oroso, Vanesa Boo, explica que “o noso obxectivo é seguir promovendo Oroso e, sobre todo, a Festa da Troita nos máis importantes foros do turismo e da gastronomía. Por iso, despois de estar presentes en Fitur, esta semana estaremos en Xantar no stand da Deputación da Coruña e tamén temos previsto asistir ao Fórum Gastronómico da Coruña, que terá lugar do 12 ao 14 de marzo”.

O Concello de Oroso estará presente en Xantar dentro do stand da Deputación Provincial da Coruña, entidade que tamén colabora na organización do showcooking. O evento terá unha duración de trinta minutos e nela prepararanse uns dez quilos de troita. “O obxectivo é que os presentes coñezan como se fai a troita en Oroso e promover a súa asistencia á próxima edición da nosa festa de interese turístico, que terá lugar do 12 ao 14 de maio”, indica Vanesa Boo.