O equipo brionés é un dos catro finalistas entre todos os colexios e IES de España e coñecerá o seu posto nunha cerimonia que terá lugar o vindeiro 11 de febreiro en Barcelona
O equipo “Brión 2” do IES de Brión resultou seleccionado entre os catro finalistas no concurso “Wisibilízalas”, un certame organizado pola Universitat Pompeu Fabra de Barcelona entre todos os colexios e institutos de España para dar visibilidade ás mulleres que traballan no ámbito das TIC e potenciar as referencias femininas no ámbito da ciencia e da tecnoloxía. A orde dos finalistas coñecerase nunha cerimonia que terá lugar o próximo 11 de febreiro na Universitat Pompeu Fabra.
O concurso consistía na creación dunha páxina web que describa a carreira de mulleres españolas contemporáneas que traballen no ámbito da TIC. O equipo brionés, composto por alumnado das materias de TIC de 1º de Bacharelato e de Educación Plástica, Visual e Audiovisual de 4º da ESO, presentou dúas propostas: “Mujeres tecnológicas” e “Mulleres TIC”.
A concelleira de Ensino, Yolanda Bouzas, felicita tanto ao alumnado como ao profesorado do IES de Brión, “non só por este meritorio premio a nivel nacional, senón pola traxectoria que levan nos últimos meses acadando múltiples galardóns que demostran o gran nivel educativo que ten o noso instituto”. Neste sentido, cómpre lembrar que hai uns días outros alumnos de 2º de Bacharelato foi premiado no concurso “Na procura do talento dixital”, organizado por Dico Summit 2017.
Proxecto
“Mujeres tecnológicas” (http://espazoweb.com/mujerestecnologicas/) é un proxecto colaborativo que busca coñecer e divulgar a mulleres contemporáneas españolas que son un referente nas TIC: Arantza Illarramendi Echave, Amparo Alonso Betanzos, Asunción Gómez Pérez, Lucía Chávarri Padilla, Marta Ibáñez Nobell e Nuria Oliver. Pola súa banda, “Mulleres TIC” (http://espazoweb.com/mullerestic/) recolle as figuras de Belén Masía, Begoña García, Rosa Monge, Sabela Ramos e Clara Bayarri. Ambas web son o produto dun proxecto interdisciplinar con alumnado de diferentes niveis que pretende visibilizar ás mulleres nas TIC, enmarcado no programa “Rapazas emprendedoras nas TIC” do Plan Proxecta.
Canda o IES de Brión, tamén foron seleccionados como finalistas os equipos “Alceda people”, do IES Vega de Torzanzo (Alceda – Cantabria); “Wisibigors”, do IES Gorgs (Cerdanyola del Vallés – Barcelona); e “MaristasAlicante2”, do Sagrado Corazón HH. Maristas (Alicante). O vindeiro 11 de febreiro, coincidindo coa conmemoración do Día da Muller e da Nena na Ciencia, terá lugar a entrega de premios na Universitat Pompeu Fabra de Barcelona.