No que se refire aos plans de accións, as porcentaxes de execución superan as previstas para o primeiro ano de implantación do Plan
Turismo de Galicia celebrou unha reunión de seguimento do Plan Integral de Turismo de Galicia presentado a principios deste ano polo Goberno da Xunta de Galicia como folla de ruta do sector turístico ata o 2016.
No encontro abordáronse os obxectivos estratéxicos sectoriais plasmados no dito Plan estratéxico. Así, tal e como expúxose na reunión, puido verse como moitos deles xa foron superados no que vai deste ano 2014 e como outros moitos están a punto de ser alcanzados.
Un dos principais obxectivos marcados no Plan que xa foron superados con gran éxito foi o relacionado co turismo internacional. O número de viaxeiros internacionais que elixiron os establecementos regrados de Galicia nos últimos 12 meses acadou a cifra de 1.035.234, superando así o obxectivo previsto para 2016 dun millón. Así mesmo, o gasto total dos turistas internacionais nos últimos 12 meses foi de máis de 855 millóns de euros, superando a cifra obxectivo dos 836 millóns que establece o Plan.
En canto a cifra de viaxeiros aloxados en establecementos regrados, nos doce últimos meses acadou os 3.987.343, situándose moi preto dos 4 millóns establecidos polo plan. Así, de manterse a tendencia crecente dos últimos seis meses é previsible que no 2014 se acade dito obxectivo.
Outro dos obxectivos estratéxicos de Turismo de Galicia céntrase no tempo que o visitante está aloxado nun establecemento. Nos establecementos regrados, a dita estadía media do último ano é de 2,13 noites, situándose preto dos 2,5 días establecidos coma obxectivo, un obxectivo moi ambicioso, dado que a estadía media é a primeira variable que se resinte ante situacións económicas non favorables.
En canto aos indicadores turísticos, durante a reunión destacouse o número de peregrinos que recibiu Compostela dende xaneiro a outubro, o cal aumentou un 10,5% en relación ao mesmo período de 2013. Este incremento é superior no mercado internacional que experimenta unha notable suba do 13%, constituíndo xa o 52% dos peregrinos que reciben a citada acreditación. O principal camiño, o Camiño Francés, creceu nun 7%, mentres o global do resto das rutas aumentou nun 18,6%. Deste xeito realizaron a ruta do Camiño Francés o 68% dos peregrinos con Compostela, o que demostra a diversificación das rutas ao aumentar o peso do resto das rutas.
Tamén o número de turistas aloxados nos establecementos regrados de Galicia no acumulado ata setembro foi sinalado durante o encontro ao experimentar un aumento do 6,5%. Estes resultados débense ao bo comportamento da demanda principalmente nos últimos 6 meses. O comportamento do mercado internacional é aínda máis positivo, cunha suba do 15,2%. A ocupación media hoteleira tamén aumentou en 1,26 puntos.
No que se refire aos plans de accións, durante a reunión de seguimento constatouse que as porcentaxes de execución superan as previstas para o primeiro ano de implantación do Plan.
Deste xeito, accións cuxo comezo estaba fixado no Plan para o segundo semestre deste ano 2014 contan xa con porcentaxes considerables de execución. Exemplo de elo é o plan de acción encamiñado á redución do impacto medioambiental global e a pegada ecolóxica das actividades turísticas, do que xa se executou un 18% con accións como o convenio firmado co Clúster de Turismo de Galicia. Tamén o baseado na promoción para o impulso do turismo interno e turismo de proximidade, cun 12% de execución con accións como o Outono Gastronómico, De Tapas por Galicia ou as Rutas de Artesanía.
Así mesmo, plans de acción como o centrado na promoción e apoio á organización de iniciativas de turismo deportivo para a captación de novos fluxos turísticos en tempada baixa, previstos para comezar no ano 2016 xa foron posto en marcha, neste caso levouse a cabo xa un 18% do mesmo. Entre as acción realizadas neste plan podemos destacar a primeira Travesía Náutica Xacobea, os circuitos de golf Cenor Camiño de Santiago e V Open Rías Baixas, Pantin Classic, e o Marisquiño.
Como conclusión da reunión Turismo de Galicia acordou modificar á alza os obxectivos marcados a tres anos no Plan Integral de Turismo de Galicia que xa foron superados.