Saturday 16 de November de 2024

O analista Roberto Mansilla explícalle á mocidade o drama das nenas e nenos soldados


Calcúlase que son máis de 250.000 os cativos e cativas que son explotados nas guerras de 18 países. E por explotación enténdese empuñar armas, traballar na loxística da batalla, ser activos prescindibles e tamén vivir todas as escravitudes imaxinables. Esta é a perspectiva que hoxe á mañá lle ofreceu ao alumnado da ESO de San Sadurniño o analista do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi) Roberto Mansilla. O representante da entidade -que foi impulsora do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade- estivo na Casa do Concello para guiar a visita á exposición “Nenas e nenos soldados” instalada ata hoxe mesmo na galería do pazo.

A utilización de menores de idade en conflitos armados non se reduce a envialos á fronte de batalla, senón que tamén se estende a labores de vixilancia, mensaxería e mesmo espionaxe. As nenas son ademais a miúdo empregadas como cociñeiras e escravas sexuais. A vulnerabilidade psicolóxica das rapazas e rapaces predisponos ao adoutrinamento e ao cumprimento de ordes.

O recrutamento forzoso impídelles acceder á educación e obrígaselles a cometer atrocidades, xerando consecuencias que persisten unha vez rematada a guerra, pois a falta de investimento na rehabilitación -e a repudia- fai que moitas e moitos menores rematen por recorrer logo á delincuencia e á prostitución.

Sobre estas situacións chama tamén a atención a mostra ‘As nenas e nenos soldados’ do artista senegalés Momar Badiane, que denuncia a través dunha serie de debuxos a situación das nenas e nenos combatentes e convida a reflexionar sobre ela. A ONU, apoiándose na campaña da Coalición para acabar co uso das nenas e nenos soldados, adoptou no ano 2000 un tratado internacional que establece como idade mínima de recrutamento os 18 anos, así como a obriga por parte dos Estados de axudar á reinserción. Ata hoxe foi ratificado por 120 países.

A exposición de Badiane serviu esta mañá de pretexto para que case medio cento de rapaces e rapazas de 3º e 4º da ESO do CPI de San Sadurniño se concienciasen sobre unha realidade que viven milleiros de nenos, nenas e mozos e mozas coma elas. E non só en África -o primeiro que nos vén á cabeza cando se fala desta cuestión- senón tamén en Sudamérica e no Oriente Medio, onde o ISIS -ou Daesh- e o conflito civil en Siria sitúan o drama das nenas e nenos soldados a pouco máis de tres horas en avión de nós.

Por certo, o día 12 de febreiro é o Día das Mans Roxas, ou día internacional contra a utilización dos nenos e nenas nas guerras.