Saturday 16 de November de 2024

O vicepresidente da Xunta de Galicia visita o CIM de Ordes


A secretaria xeral de Igualdade e o delegado territoria da Xunta na Coruña tamén intercambiaron impresións coas traballadoras do ente
O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, visitou hoxe o Centro de Información á Muller (CIM) de Ordes, que estivo acompañado do delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e da secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella. Tanto o presidente da Mancomunidade de Ordes, Roberto Rey Martínez, como os edís dos municipios da comarca tamén estiveron presentes e intercambiaron opinións e impresións con Rueda.

Pola súa banda este puxo en valor o traballo das profesionais que desempeñan a súa función nestes centros de enorme importancia para as mulleres en situación de vulnerabilidade. No caso do de Ordes dá servizo a sete concellos (Ordes, Cerceda, Frades, Mesía, Oroso, Tordoia e Trazo) e conta con catro traballadoras (a directora, a asesora xurídica, a asesora psicóloga e a axente de igualdade). En total ao longo do 2016, atendéronse 398 persoas, 83 máis que en 2015, e realizáronse 1.651 consultas, 395 máis que ano anterior. Delas, 510 estiveron relacionadas co asesoramento xurídico, 446 con información de recursos, 263 con atención psicolóxica e 208 con atención a vítimas de violencia de xénero. Rueda escoitou atentamente as suxestións manifestadas polas traballadoras con obxectivo de poder contribuír na mellora do servizo prestado.
Pola súa banda a secretaria xeral de Igualdade condenou o última morte por un asasinato machista no Carballiño e insistiu na necesidade de reforzar o papel dos CIM. Destacou a importancia do pacto acadado á semana pasada por unanimidade de tódalas forzas políticas para loitar contra este tipo de violencia, e apostou por manter unha loita común que abranga a tódalas administracións públicas e no que estea implicada toda a sociedade.
Un enfoque no que tamén coincidiu co expresado polo vicepresidente do Goberno autonómico, que tamén fixo fincapé no investimento de case medio millón de euros desde o ano 2011, tal e como manifestou no salón de plenos do Concello de Ordes nun acto no que tanto o presidente da Mancomunidade como o alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo lle agradeceron a visita e o compromiso coa Mancomunidade de Ordes.