A Concellería de Cultura e Xuventude de Lousame organiza unha nova edición do Obradoiro de Fotografía, que por terceiro ano consecutivo volverá ser impartido polo Colectivo Olláparo (Boiro). Un curso que terá lugar todos os sábados pola mañá, en horario de 11:00 a 13:00 horas, na Casa da Cultura “Santeiros de Chave”. A sesión inicial terá lugar o vindeiro 11 de febreiro e o curso celebrarase ata o vindeiro mes de abril.
Despois do gran interese suscitado polo curso de iniciación celebrado en 2015 e as novidades introducidas en 2016, este ano profundizarase en novas técnicas para rexistrar paisaxes, movemento, fotografías nocturnas e macros. O curso combinará sesións teóricas con saídas prácticas polo municipio lousamiá. Máis información e inscricións no teléfono da Casa da Cultura de Lousame: 981 825 780.