“Todas as formas de violencia de xénero aliméntanse do mesmo substrato: os estereotipos caducos e os mitos enganosos que a xente maior cre erradicados e que, desgraciadamente, a poboación máis nova parece estar reproducindo de maneira preocupante”. Con esta aseveración introdúcese a exposición “Á violencia de xénero… dille NON!” que durante estes días se pode visitar na Casa da Cultura de San Sadurniño. Está composta por unha decena de láminas nas que se mostran xeitos de exercer a violencia que case sempre lle pasan desapercibidos a quen a sofre. Control, manipulación, abuso, sextorsión, chantaxe emocional… presentados con debuxos de banda deseñada para que a mocidade -principal destinataria da exposición- aprenda a identificar as condutas tóxicas en parella co obxectivo de rebelarse contra delas.
“Á violencia de xénero… dille NON!” é unha iniciativa da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia que comezou a súa andaina por Galicia o pasado 25 de novembro. O seu obxectivo é concienciar á mocidade sobre os “estereotipos tan nocivos” que empanan as relacións de parella, tamén na adolescencia e mocidade. De feito, as condutas que se mostran na etapa adulta non xorden espontaneamente senón que adoitan vir de vello, manifestándose na xuventude.
Esa é a razón de que a Secretaría Xeral da Igualdade se dirixa á rapazada adolescente e preadolescente cunha linguaxe directa: “parécenos alarmante que en moitas ocasións percibades a violencia de xénero como algo afastado e alleo a vós, porque vemos que algunhas das vosas relacións afectivas e sociais teñen comportamentos discriminatorios inadmisibles, verdadeiros sinais incipientes de violencia machista que anticipan outras manifestacións máis graves do maltrato”.
Para facer ver o problema optouse por unha exposición en formato cómic que debulla e debuxa exemplos de control, sexo mal entendido, manipulación, ciumes, abuso, sextorsión, chantaxe emocional e humillación. Exemplos que buscan facerlles ver ás xeracións máis novas que “o respecto, a liberdade e a igualdade son tres piares básicos nas relacións”. Neste sentido, o panel introdutorio da exposición expresa a determinación da administración para “loitar e non fraquear” en contra da violencia de xénero posto que a mocidade “é a sociedade de mañá e esa sociedade temos que construíla sobre a liberdade, a tolerancia e o respecto […] facéndolle fronte á submisión, a desigualdade e a violencia”.
A exposición “Á violencia de xénero… dille NON!” permanecerá en San Sadurniño ata o 8 de febreiro. Un día antes, o 7, o alumnado do CPI participará nunha visita guiada que, ademais, será un obradoiro sobre igualdade e sobre como identificar esas condutas tóxicas que ás veces se queren enmascarar como amor.