Friday 22 de November de 2024

Un total de 130 centros públicos da provincia da Coruña desenvolverán este curso a iniciativa de contratos-programa impulsada pola Consellería de Cultura e Educación


O número de centros participantes increméntase nun 15%
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de publicar a resolución definitiva dos contratos-programa para o curso 2016/17, unha vez os centros analizaron nos primeiros meses de curso as necesidades do seu alumnado. Un total de 130 centros públicos da provincia da Coruña beneficiaranse desta iniciativa, que ten como obxectivos promover a excelencia educativa e loitar contra o abandono escolar, un 15% máis ca no curso anterior. En total poranse en marcha 310 iniciativas diferentes.

Os contratos-programas procuran unha mellora da calidade do ensino para reducir a porcentaxe de alumnado con baixo rendemento. Para iso, cada centro de ensino analiza as súas eivas e fortalezas e propón á Administración educativa a sinatura dun documento, ‘o contrato-programa’, no que se propoñen actuacións para a mellora do alumnado. Deste xeito, a actuación funciona como un exercicio de autonomía dos centros, posibilitando que deseñen os seus propios plans de mellora en base ás súas necesidades particulares.

Polo tanto, a iniciativa permite visibilizar e poñer en valor o esforzo e o investimento, tanto do centro como da Administración educativa, para o éxito escolar, facendo partícipe ao profesorado mediante o recoñecemento do seu labor.

Liñas de actuación
A liña de actuación número 1(antigo programa PROA) destínase ao reforzo, orientación e apoio do alumnado que presente dificultades de aprendizaxe, así como daquel con desvantaxe educativa polo contorno sociocultural. Un total de 86 centros docentes desenvolverán esta primeira liña, para o que contarán cun total de 47 docentes de apoio contratados a maiores pola Consellería para tal fin. A liña número 2, a referida á mellora das competencias clave, será desenvolvida por 97 centros participantes.

No caso da terceira liña, que se centra na mellora da convivencia e promoción da igualdade, contará coa participación de 61 centros; e na liña 4, dirixida á prevención do abandono escolar temperán e do absentismo escolar, participarán 13 centros.

Nas liñas 5 e 6, dirixidas á mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia e á mellora da calidade na xestión dos centros, participarán 40 e 13 centros educativos públicos, respectivamente.

Incremento de orzamento
No conxunto de Galicia serán 416 os centros que desenvolvan contratos-programas, do que se beneficiarán 104.424 alumnos, 9 veces máis ca hai 6 cursos.

Cómpre salientar, ademais, que a Consellería reforzou este ano a partida orzamentaria destinada aos contratos-programa, que acadan os 3.283.052,06 millóns de euros, un 7,01% máis ca no curso anterior. Isto permite a contratación en toda a Comunidade Autónoma de 174 docentes externos de apoio adicionais – para o desenvolvemento da actuación 1, a coñecida como ‘PROA’-, un 14% máis que o ano pasado, dotando deste persoal a todos os centros que o solicitaron.