Entidades locais e colectivos veciñais poden xa solicitar as axudas do Fondo de Compensación Ambiental, da mellora das infraestruturas para concellos de menos de 30.000 habitantes e para asociacións de veciños ou comunidades de usuarios
O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, aproveitou a visita ás asociacións veciñais de Tabeirón, en Baio, e A Fonte, de Fornelos, ambas as dúas do concello de Zas, para informar das tres ordes de axudas que a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza ven de publicar no Diario Oficial de Galicia para que concellos e colectivos veciñais poidan mellorar as súas infraestruturas públicas.
Ovidio Rodeiro visitou as instalacións das dúas sociedades acompañado pola súas respectivas xuntas directivas, polo alcalde de Zas, Manuel Muíño, e por representantes da corporación municipal. O delegado territorial comprobou o resultado do investimento realizado pola Xunta de Galicia no acondicionamento dos locais. No caso da asociación de veciños de Tabeirón, a Xunta subvencionou con 12.000 euros as melloras enerxética e estruturais feitas no edificio social, que é propiedade da asociación. Pola súa banda, a asociación de veciños Fonte de Fornelos recibiu unha axuda de 15.000 euros para o acondicionamento interior e exterior do seu local social.
O delegado territorial amosouse gratamente sorprendido polo traballo dos asociados das dúas entidades, e animou aos seus socios e directivos a “non deixar de traballar por fomentar o asociacionismo como o mellor método para construír unha sociedade máis responsable e comprometida”. O delegado territorial explicou que as entidades interesadas xa ponde solicitar as axudas relativas ao Fondo de Compensación Ambiental, á mellora das infraestruturas para concellos de menos de 30.000 habitantes e para as asociacións de veciños ou comunidades de usuarios.
O obxectivo é axudalas no financiamento de proxectos promovidos por estas entidades locais e asociacións cun importe conxunto de preto de 11 millóns de euros. Rodeiro incidiu en que a primeira liña de axudas é unha orde de convocatoria para o outorgamento de subvencións específicas para investimentos destinadas as asociacións de veciños, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños de Galicia ou comunidades de usuarios de augas debidamente inscritos no rexistro público correspondente e asociacións de mulleres rurais.
Estas axudas contan cun orzamento de 1 millón de euros, xa teñen aberto o prazo de solicitudes, que é de 1 mes, e teñen como finalidade contribuír a mellorar a calidade da vida local e fomentar e dinamizar o asociacionismo veciñal para a realización de investimentos, tanto de obra como de equipamentos, en inmobles da súa titularidade ou dos que lles corresponda o dereito de uso, camiños veciñais e traídas de augas veciñais coa finalidade de mellorar a prestación dos servizos de interese veciñal análogos aos encadrados como servizos básicos municipais na lexislación básica de réxime local, mediante un mellor aproveitamento dos recursos dispoñibles, contribuíndo deste xeito a satisfacer as necesidades e aspiracións da veciñanza.
O DOG tamén publica a orde pola que se regulan os criterios de repartición e se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2017, destinadas a entidades locais de Galicia. O Fondo de Compensación Ambiental ten como finalidade a aplicación de actuacións globais destinadas á conservación, reposición e restauración do ambiente e reequilibrio territorial. Para o financiamento da convocatoria de subvencións destínanse un total de 7,7 millóns de euros. En anteriores convocatorias subvencionáronse proxectos por un valor de preto de 3 millóns de euros na provincia da Coruña. Entre outras, leváronse a cabo reparacións de bombeos, instalacións eléctricas en pavillóns municipais, mellora de saneamento, instalación de parques lúdico-didácticos ou a recuperación e posta en valor de ribeiras dos ríos.
Por último, a terceira liña de axudas é a relativa a orde pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións para a creación e mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, destinados a concellos de Galicia para o ano 2017, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020.
Para a concesión destas axudas destínase un crédito por un importe total de preto de 2 millóns de euros (1.986.666). “Estas subvencións buscan que sexan beneficiarios os concellos de Galicia, de forma individual ou mediante asociacións ou agrupacións que teñan menos de 30.000 habitantes”, segundo destacou Ovidio Rodeiro. Para o cálculo tómanse as cifras oficiais do padrón municipal de habitantes a 1 de xaneiro de 2015, publicadas polo Instituto Galego de Estatística e que teñan remitidas as contas do concello correspondentes ao exercicio orzamentario de 2015 ao Consello de Contas.
Estas subvencións respondían a proxectos de mellora vinculados á prestación de servizos municipais tales coma pavimentación de camiños, instalación de elementos biosaudables en paseos ou elementos de xogo en parques infantís, construción de parques infantís, equipamentos en pavillóns deportivos municipais ou mellora da rede de alumeado público, entre outros.