Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Lousame mellora o seu período medio de pago a provedores no cuarto cuadrimestre: 10,43 días


Tomouse coñecemento da renuncia de José Rodríguez Cao ao cargo de concelleiro nun pleno con ata 6 ausencias por motivos persoais

O Concello de Lousame celebrou “un pleno anómalo”, como o cualificou a propia alcaldesa, Teresa Villaverde. Unha sesión á que finalmente non asistiron, ben por razóns persoais ben por enfermidade, un total de 6 concelleiros: 2 do grupo municipal popular, os 3 concelleiros do grupo socialista e o concelleiro do BNG, baixa de última hora.

Así as cousas, a sesión desenvolveuse con catro concelleiros do Grupo de Goberno, xa que o Pleno tomou coñecemento no seu primeiro punto da orde do día da renuncia ao seu cargo do quinto concelleiro presente na sala, José Rodríguez Cao do Partido da Terra. Ante a ausencia do resto da corporación, o pleno aprobou a acta da sesión anterior e deuse conta das resolucións da Alcaldía do número 690/2016 á 10/2017. Neste punto, Teresa Villaverde anunciou que “no último cuadrimestre melloramos moito o período medio de pago a provedores, baixándoo ata os 10,43 días, unha cifra moi por debaixo do trimestre anterior”.

Ante a ausencia dos tres concelleiros do grupo municipal socialista, a alcaldesa propuxo retirar da orde do día o debate da moción do PSdeG-PSOE sobre reinversión do superávit, que será incluída nunha próxima sesión plenaria. Ao non estar presentes ningún concelleiro da oposición, non houbo quenda de rogos e preguntas.

Debate previo ao pleno

O único debate que houbo no salón de plenos tivo lugar, precisamente, antes do inicio da sesión. O concelleiro do Partido da Terra pediu a palabra antes do inicio da sesión para indicar que a súa renuncia debería ser efectiva despois da sesión plenaria de hoxe, xa que tiña intención de presentar rogos e preguntas. Ante esta petición, a alcaldesa indicoulle que “pode renunciar a presentar o cese e seguir na sesión, do contrario será o primeiro punto da Orde do Día”.

Rodríguez Cao insistiu en pedir “que se tome coñecemento da miña renuncia despois da quenda de rogos e preguntas”. Teresa Villaverde indicoulle que “dende o martes que ten no seu poder a convocatoria e viu que era o primeiro punto da Orde do Día tivo a oportunidade de presentar un escrito para deixar sen efecto esa renuncia. Se quere estar neste pleno, diga agora que renuncia ao escrito que presentou”, polo que debería volver a presentar formalmente a súa renuncia ante o Rexistro Xeral do Concello.

A secretaria acumulada, xa que a secretaria tamén está de baixa, explicou que dende o momento en que un concelleiro presenta a súa renuncia ao cargo se abre un procedemento de renuncia que remata cando o pleno toma coñecemento desa renuncia e que, ata ese mesmo momento, o concelleiro pode retirar a súa renuncia. Ante esta situación, Rodríguez Cao decidiu abandonar o salón e non participou na sesión plenaria. Así as cousas, o Pleno tomou coñecemento da renuncia do concelleiro do Partido da Terra e acordou pedir á Xunta Electoral a designación dun novo concelleiro que, de acordo coas listas electorais, sería Silvia Cao Tobío.