A concelleira de Benestar Animal, Noa Morales, e o deputado provincial de Obras e Medio Ambiente, José Manuel Pequeño, asinaron hoxe un convenio de colaboración mediante o cal a Deputación fai unha achega de 28.680 euros para cofinanciar os gastos da Fundación Refuxio de Animais.
A través desta colaboración, a Deputación sufraga o 80% dos custos de alimentación e medicamentos dos animais acollidos no refuxio, co obxectivo de impulsar o labor deste servizo municipal de asistencia ás mascotas abandonadas. Dende a súa sede en Zarramacedo (Bando), o Refuxio dá servizo ao concello de Santiago de Compostela e a municipios da súa área de influencia coma Teo e Vedra.
A Fundación Refuxio de Animais encárgase de labores como a recollida, atención aos animais abandonados e o fomento das adopcións, ademais de actividades de coordinación, docencia, investigación e asesoramento aos propietarios de animais domésticos e salvaxes en catividade.