Thursday 21 de November de 2024

A Xunta avánzalle ao alcalde de Vilasantar que nas próximas semanas se licitará o contrato de obras para o reforzo de firme en tres estradas da provincia por case 750.000 euros


Os traballos supervisados hoxe consistiron na dotación de aparcadoiros e na construción de beirarrúas no treito da estrada que une a zona urbana co novo cemiterio municipal, completando as beirarrúas xa existentes na travesía

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, avanzoulle hoxe ao alcalde de Vilasantar, Fernando Pérez, que nas próximas semanas se licitará o contrato de obras para o reforzo de firme en tres estradas da provincia, por un importe aproximado de 750.000 euros. A responsable de Infraestruturas do Goberno galego visitou hoxe esta localidade coruñesa para supervisar o remate das obras realizadas na travesía urbana da estrada AC-194 no núcleo de Vilasantar-Raposeiras, unha actuación que se rematou hai unhas semanas e que contou cun investimento da Xunta de 233.000 euros.

Ethel Vázquez destacou que esta actuación supón unha serie de reforzos localizados de firme en vías que están próximas a esta vila, co que se contribuirá tamén a mellorar a mobilidade dos veciños. Entre elas, na estrada que comunica Betanzos co concello pontevedrés de Agolada, atravesando o termo municipal de Vilasantar (AC-840), unha actuación que suporá unha achega da Xunta de 390.000 euros.

Traballos na estrada AC-194
Por outra banda, os traballos realizados pola Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) e supervisados hoxe consistiron na dotación de aparcadoiros e na construción de beirarrúas no treito da estrada que une a zona urbana co novo cemiterio municipal, completando deste xeito as beirarrúas xa existentes na travesía.

Así mesmo, acondicionáronse dúas zonas de aparcadoiro na parte central da travesía, co obxectivo de evitar estacionamentos indebidos que se viñan producindo nas marxes da estrada. A conselleira concretou que con estas tarefas, a Xunta trata de dar resposta ás demandas dos veciños de Vilasantar. Concretou que se lle dá unha axeitada comunicación peonil para os desprazamentos a pé entre os puntos onde se asentan os principais equipamentos e se aposta por máis servizos e maior comodidade, con novas prazas de aparcadoiro.

A conselleira anunciou que unha vez que xa finalizaron as obras, procederase a tramitar o cambio de titularidade da estrada a prol do Concello, tal e como se acordou no convenio asinado en decembro de 2015, dado que se trata dunha vía que rexistra, fundamentalmente, tráfico local e, así, queda libre das restricións que establece a normativa de estradas.