Thursday 21 de November de 2024

Máis de 1.300 estudantes da comarca participan nos programas do Servizo de Prevención de Drogodependencias da Mancomunidade de Ordes


Os programas atenden cuestións relacionadas co consumo de substancias, problemas nutricionais ou habilidades sociais entre outras. Compleméntanse con máis actuacións dirixidas a outros sectores poboacionais e en diversos ámbitos

O Servizo de Prevención en Drogodependencias da Mancomunidade de Ordes continúa co seu ciclo de charlas polos centros escolares da comarca. Unha intervención socioeducativa que se desenvolve dentro das aulas co fin de informar e formar sobre distintas problemáticas. A formulación na que se basea este amplo programa é a de educar para previr mediante unha metodoloxía aberta e participativa na que os estudantes interiorizan valores e condutas positivas ante situacións que supoñen un compoñente de risco.
Este é o cadro dos obradoiros de prevención no consumo de drogas. Nel expóñense todos os riscos asociados ao seu uso tanto dende o punto de vista físico, psíquico e social. Neles participan alumnos e alumnas de 1º a 4º da ESO, coincidindo coas idades (de 12 a 17 anos) nas que comezan a experimentar con estas substancias. No caso do programa de ‘Habilidades Sociais’ foméntase a convivencia nos grupos de 5º e 6º de primaria. O desenvolvemento da intelixencia emocional, o proceso comunicativo, a empatía ou a escoita activa son os puntos nos que se incide.
Co fin de adestrar e a capacidade empática dos adolescentes ante as diferenzas que definen a cada persoa e mellorar así a comprensión dos demais deseñouse o obradoiro ‘Ponte na súa pel’. Nel participa o alumnado de 3º da ESO. Por outra banda ‘A cabalo das emocións’ é a iniciativa formulada para que os rapaces e rapazas de 16 e 17 anos analicen e valoren as situacións de risco cotiás e as que eliximos voluntariamente, ata chegar a comprender a importancia dos mecanismos de control e autocontrol destas.
Alimentación
O eido da alimentación é tratado dun xeito especial. En ‘Alimentación saudable’ conciénciase aos nenos e nenas da importancia de levar unha dieta completa e equilibrada co fin de evitar trastornos nun futuro, á par que se combate a obesidade infantil. Este traballo compleméntase coas sesións dirixidas a pais e nais en ‘Habilidades e nutrición saudable’ que se imparte en colaboración coas ANPAS, asociacións e poboación en xeral dos concellos. Ademais das cuestións propiamente nutricionais tamén se abordan outros aspectos como a educación dos fillos e fillas, recursos e ferramentas para pais e nais, dificultades nas relacións, aspectos comunicacionais, autoestima etc.
As cifras indican ata o día de hoxe máis de 240 intervencións nas aulas de máis dunha ducia de centros de ensino de toda a comarca, tanto institutos de secundaria como centros de primaria, ás cales asistiron un total de 1339 estudantes.
A estes programas hai que engadir outra serie dirixidos a distintos perfís poboacionais e impartidos en distintos ámbitos, completando así unha actuación conxunta para dar resposta e servir de apoio na solución de diversas problemáticas. Como exemplo pódense citar as actuacións no ámbito laboral na sensibilización ás empresas, difusión de guías etc. Tamén se traballa no eido da igualdade de xénero en colaboración cos centros de ensino e asociacións, e en coordinación cos traballadores, traballadoras, educadores e educadoras sociais.
Seguridade viaria
O tema do impacto do alcohol e outras drogas na seguridade viaria abórdase na actuación ‘Cambio de sentido’. No caso do consumo nocturno de substancias ilegais por parte da mocidade tamén se analiza nos programas de prevención ‘Creative’ e ‘Alternativa’. As charlas sobre as redes sociais ou a celebración de datas conmemorativas como o Día Mundial da Sida completan o programa.