Afirma que é a primeira vez que un goberno galego estrutura un plan que responda ás perspectivas do mundo cultural de cara á vindeira década
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou que o Consello deu luz verde á elaboración da Estratexia da Cultura Galega 2021. Trátase da primeira vez que un goberno galego estrutura un plan que responda ás perspectivas do mundo cultural de cara á vindeira década.
Segundo o xefe do Executivo galego, con este documento a Xunta busca fortalecer a nosa industria cultural, para que cree máis riqueza e postos de traballo e ensanche a súa base, para non estar limitada só aos grandes núcleos de poboación. Do mesmo xeito, tamén busca favorecer a participación na cultura de todo tipo de colectivos sociais, reforzar a rede de bibliotecas e museos e intensificar a colaboración entre as Administracións.
Por tanto, a Estratexia da Cultura Galega 2021 ten dous grandes obxectivos: garantir a máxima difusión da actividade cultural de base por todo o noso territorio e asentar un tecido social e empresarial neste ámbito. Estas metas, como subliñou Feijóo, servirán para enmarcar as prioridades e os proxectos estratéxicos na acción cultural pública co horizonte de 2021.
A elaboración da Estratexia da Cultura Galega 2021
O presidente da Xunta fixo fincapé en que a elaboración desta estratexia ten que ser un proceso colectivo que implique ás institucións, asociacións, empresas culturais e todos os axentes da cultura.
Así mesmo, sinalou que a redacción deste documento estruturarase en seis fases: entre febreiro e marzo elaboraranse os documentos de traballo e diagnose; entre abril e maio celebraranse encontros temáticos e sectoriais cos axentes culturais de Galicia; en xuño agárdase contar cun primeiro borrador; en xullo en agosto o borrador será sometido a exposición pública vía web, para que calquera persoa interesada poida enviar comentarios e suxestións; entre setembro e outubro redactarase o proxecto definitivo da estratexia; e en novembro o Consello aprobaraa para remitila ao Parlamento.
O titular da Xunta concluíu que esta proposta da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria é aberta, transparente e ambiciosa e puxo en valor que se trata da primeira vez que o Goberno galego vai determinar con exactitude que quere facer e cales son os retos que hai que afrontar no ámbito cultural.