Incide na necesidade de que a Unión Europea avance nos contidos e na regulamentación dos cortes de subministro para ter unha normativa común
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ratificou o compromiso de Galicia coas enerxías renovables e propuxo abordar a pobreza enerxética tamén con políticas comúns para toda a Unión Europea. O responsable do Executivo autonómico valorou este asunto durante unha reunión de traballo mantida esta tarde co comisario europeo de Acción polo Clima e Enerxía, Miguel Arias Cañete, onde ademais de falar da política enerxética e das propostas que Galicia ten neste eido, profundaron en como afrontar a loita contra o cambio climático e as distintas planificacións que a UE está despregando a este respecto.
No tocante á pobreza enerxética, Feijóo puxo en coñecemento do comisario as axudas que a Comunidade galega está a levar a cabo, subliñando que desde 2014 tense implementado un tícket eléctrico para cofinanciar ás familias máis vulnerables o prezo da enerxía non só eléctrica senón tamén, desde principios de ano, do gas. “E trasladeille tamén o acordo acadado coas compañías para que non haxa cortes de luz sen previa notificación á Xunta”, abundou, facendo fincapé na necesidade de que a Unión avance nos contidos e na regulamentación dos cortes de subministro, co obxectivo de que “todos teñamos a mesma normativa e de que haxa unha seguridade para que as comunidades e os Estados poidamos, no ámbito da nosa política social, ter a posibilidade de solucionar os problemas dos cidadáns máis vulnerables”.
Impulso de enerxías como a biomasa, a aerotermia e a xeotermia
No eido da eficiencia enerxética, o titular da Xunta destacou as iniciativas postas en marcha polo Goberno galego como o impulso do uso das caldeiras de biomasa, o apoio a emprendedores e particulares que melloren a eficiencia en negocios e vivendas e o impulso de enerxías menos custosas e de menos impacto ambiental como a aerotermia ou a xeotermia.
Así mesmo, agradeceu a aposta da Comisión por tres infraestruturas na Comunidade que permitirán gañar tamaño e capacidade loxística a Reganosa para converter Galicia no hub de gas natural licuado do noroeste peninsular: un novo yetti, un novo tanque e un vaporizador. E, igualmente, por apoiar Galicia dentro da aposta europea polo mercado único da enerxía, a través da terceira conexión con Portugal (Guitiriz-Zamora), un enganche necesario para deixar de ser unha illa gasística.
Estratexia Galega de Cambio Climático, horizonte 2050
Na loita contra o cambio climático, ademais de agradecer o interese do comisario por distintas iniciativas que desde o Executivo galego se están a levar a cabo, como a aprobación este ano da Estratexia galega de cambio climático, co horizonte en 2050, Feijóo expuxo varias propostas que nos axudarían a ter un mellor papel nesta materia como mellorar a coordinación entre as distintas administracións. E expresou a vontade de Galicia de participar activamente na Semana Verde que, baixo o título ‘Empregos verdes para un futuro máis verde’, celebrará a Comisión no mes de maio.
Acerca da próxima revisión do sistema de comercio de dereitos de emisión de gases de efecto invernadoiro, o Goberno galego mostrouse partidario de simplificar os plans e procedementos de seguimento; dunha maior claridade en canto a actividades reguladas e excepcións e de valorar a posibilidade de mellorar o réxime de exclusión.
Por último, Feijóo comunicoulle a Arias Cañete o interese de que a Unión Europea introduza a demografía como un elemento esencial dentro dos criterios de reparto dos fondos europeos do próximo presuposto.
Unha Unión Europea máis próxima aos cidadáns
Despois da xuntanza o presidente da Xunta participou, xunto co comisario, no acto Diálogo cos Cidadáns, unha iniciativa impulsada pola Comisión para achegar a Unión Europea aos cidadáns e para que as institucións europeas os escoiten. Nel, abordaranse ademais dos temas xa expostos outros tamén de grande interese para os galegos como o emprego xuvenil, a axenda galega da agricultura e a pesca na UE ou as políticas de igualdade.