Os comerciantes deberán inscribirse os vindeiros luns e martes no Concello para optar a un dos 13 postos ofertados, que se asignarán mediante sorteo
Os vindeiros luns e martes, 30 e 31 de xaneiro, o Concello de Ordes abrirá o prazo de inscrición para poder participar na IV Feira de Oportunidades. Os 13 postos habilitados adxudicaranse por rigorosa orde de chegada. O día 3 terá lugar o sorteo destes espazos entre todos os admitidos, tal e como se veu realizando en edicións anteriores.
A IV Feira de Oportunidades terá lugar os días 10, 11 e 12 de febreiro no primeiro andar da Praza de Abastos. Novamente poderanse adquirir a prezos incomparables as últimas novidades en téxtil, calzado, decoración, bixutería, marroquinería etc. O horario de atención ao público irá de 10 a 14 horas e de 16 a 21 horas. Tamén haberá servizo de ludoteca durante os tres días, que irá dende as 18 ata as 20 horas e que se verá ampliado de 10.30 a 12.30 horas durante o sábado e o domingo.