A Comisión Provincial de Vivenda ten previsto propoñer mañá a adxudicación das vivendas en réxime de alugueiro social en resposta á petición de axuda
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, ven de anunciar a inclusión na orde do día da Comisión Provincial da Vivenda, que se reúne hoxe, da aprobación da cesión en réxime de alugueiro social de sellas vivendas para as mulleres de Ferrol e Miño sobre as que pesa a execución de desafiuzamentos. A Xunta de Galicia dá, deste xeito, resposta ás necesidades urxentes manifestadas nos últimos días polas dúas afectadas.
No caso de Ferrol, á reacción foi inmediata unha vez que se recibiu o preceptivo informe da Concellaría de Servizos Sociais, que entrou no rexistro o pasado 20 de xaneiro, a pesares de que a situación era de coñecemento publico desde moito antes. De feito, foi a propia Xunta a que solicitara o 23 de decembro información ao Concello sobre este caso particular. O departamento de Benestar Social de Ferrol aínda ven de completar hoxe a información requirida. A afectada polo desafiuzamento é unha muller cunha menor ao seu cargo.
No referente ao caso de Miño, trátase dunha muller cunha filla e que será lanzada da súa vivenda pola reclamación dun familiar, propietario do piso. O Concello articulou unha solución provisional para os vindeiros tres meses. Aínda así, a Comisión de Vivenda proporá mañá mesmo o acceso a un dos pisos do Programa de Vivendas Baleiras. En ambos os casos os pisos proceden dos acordos do IGVS coa Sareb e Abanca que recolle o uso destas vivendas por un período dun ano, prorrogable por tres máis. Trátase de pisos cun aluguer social máximo de 125 euros. A consellería determinará, mediante un estudo, a capacidade económica de cada familia antes de propor a renda que deberá abonar pola ocupación da vivenda.
O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña manifestou a súa satisfacción por “ter a oportunidade de ofrecer solución a quen realmente precisa axuda”, e lembrou que o Goberno galego está a desenrolar un paquete de doce medidas sociais para atender ás persoas con necesidades máis urxentes. Ovidio Rodeiro fixo un chamamento a que “os concellos que aínda non se adheriron ao Programa de Vivendas Baleiras reflexionen sobre ás necesidades reais das persoas”. O delegado rematou sinalando que “a Xunta responde; a Xunta ofrece solucións”.