Friday 22 de November de 2024

Apoio unánime Pleno á proposta socialista de implantar a radioloxía dixital no centro de saúde de Ordes


Os socialistas pedíronlle ao Concello que inste á Xunta a resolver os problemas existentes nas fincas da parcelaria de Parada II e Mercurín-Lesta

Os socialistas de Ordes celebran o apoio unánime dos grupos municipais á proposta do PSdeG-PSOE de implantar a radioloxía dixital no centro de saúde de Ordes. “A instalación deste servizo no PAC ordense tería efectos moi positivos para os veciños e veciñas de Ordes pois cambiaría totalmente a forma de xestionar, solicitar ou visualizar as imaxes e os informes radiolóxicos que se xerarían no centro de saúde”, explicou a voceira municipal socialista, Verónica Gómez.

“Este avance axudaría a desconxestionar o Servizo de Urxencias emprazado no Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela, a reducir os tempos de espera aos doentes aló remitidos polo Centro de Saúde ordense e tamén evitaría o custo, o tempo e a molestia, sobre todo para as persoas máis maiores, que supón desprazarse a Santiago para a xente de Ordes”, puntualizou a concelleira. Neste sentido, os socialistas celebran o cambio de opinión o Partido Popular, que en xullo de 2014 non respaldara unha moción semellante.

Apoio ás mocións do BNG

O grupo socialista tamén respaldou as dúas mocións presentadas polo BNG contra os cortes de electricidade e para o cobro dunha taxa por infraestruturas eléctricas ás operadoras. Verónica Gómez lembrou que os cortes de subministro eléctrico “son un problema de vello” e que os socialistas levan denunciando nos sete últimos anos. “Ante a gravidade dos últimos cortes é fundamental e debe ser unha prioridade darlle unha solución aos veciños e empresas”, apunta a voceira socialista.

O PSOE tamén apoiou a segunda moción do BNG, aínda que incluíu dúas emendas, aceptadas polos nacionalistas e aprobadas por unanimidade, para que se lles cobre tamén ás compañías de telefonía móbil unha taxa polo uso do dominio público e para que eses cartos sirvan non só para posibles baixadas de impostos, senón que se estude a posibilidade de que repercutan nos veciños e veciñas a través de máis e mellores servizos sociais.

Parcelaria

Finalmente, os socialistas denunciaron no pleno os problemas nas fincas da concentración parcelaria de Parada II e Mercurín-Lesta “pola situación na que se entregan as fincas, cunhas entradas en moi malas condicións e que deteriorarán as pistas, producindo co tempo unha carga económica para o Concello”, explicou Verónica Gómez. Ademais, a situación actual supón un problema para os propietarios das fincas, “xa que se atopan con montes de terra nas súas propiedades e teñen que proceder ao seu allanamento para poder utilizalas”. O Concello anunciou que se porá en contacto coa Consellería do Medio Rural para resolver esas deficiencias.

Finalmente, os socialistas solicitaron de novo a instalación dunha barandilla de protección na intersección entre as rúas Rodríguez de la Fuente e do Recreo; así como que se solucione o problema existente nos pasos de peón, onde se esvara moito e se están producindo caídas. Ademais, pediron unha solución para os problemas de estacionamento na N-550 polo pintado de zona de carga e descarga, concretamente entre a rúa de Mundito e a rúa Rosalía de Castro, xa que prexudica aos comerciantes da zona porque os clientes non poden aparcar.